publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Parque do Xurés acollerá unha charla sobre as serpes características deste espazo natural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobiosLocal Portada
A-
A+

O Parque Natural do Xurés acollerá mañá unha charla informativa sobre as serpes características deste espazo natural. Esta acción desenvólvese no marco dunha serie de actividades que albergará  o parque nas vindeiras semanas, co fin de divulgar a súa riqueza de fauna e a flora, así como concienciar á cidadanía da importancia da conservación destas áreas.

Mañá, 12 de setembro, ás 10.30 horas, na sede do parque, en Lobios, terá lugar unha charla informativa sobre serpes características deste parque, concretamente cobra e víboras. Esta actividade, dirixida polo doutor en Bioloxía, Fernando Martínez, contará cunha parte práctica na que se realizará a observación de herpetos.

O 19 de setembro, tamén ás 10.30 horas, o parque acollerá outra charla sobre traballos agrícolas e forestais con tracción animal, impartida por un veterinario especializado nesta materia. Posteriormente levarase a cabo unha mostra de traballos con tracción animal a cargo da asociación APTRAN. 

A última actividade do mes de setembro neste espazo natural levarase a cabo o 26 de setembro, xornada na que terá lugar unha charla na sede do parque para abordar a apicultura, ecoloxía e economía no medio rural. Posteriormente, os asistentes poderán visitar as colmeas ubicadas na contorna. 

As charlas consisten en amenas presentacións sobre as especies máis emblemáticas e/ou ameazadas do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés. Por medio das mesmas preténdese dar a coñecer os aspectos sobre a bioloxía, ecoloxía e estado de conservación das especies máis características do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés, con especial incidencia nas especies máis ameazadas ou sensibles a actividade humana. 

Estas actividades están dirixidas ao público en xeral e resultan de especial interese para os veciños ou profesionais que desenvolven a súa actividade no parque natural (Axentes forestais e medioambientais, SEPRONA, GES, Sector turístico, …).

11 de setembro de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.