publicidade hoxe

O luns comezará a montaxe das carpas da Festa do Marisco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O plan de traballo para a organización da Festa do Marisco que leva semanas funcionando concrétase o vindeiro luns no comezo da montaxe das carpas que acollerán as principais actividades do evento. Ademais das habituais carpas de degustación situadas nos laterais do Mercado e da Lonxa, procederase á montaxe dunha carpa institucional en formato iglú de 20×40 metros equipada cun auditorio para 420 persoas e unha sala de exposicións, unha carpa destinada á cociña en vivo e a mostra de pinchos de 15×30 metros e unha carpa de artesanía de Galicia de 12,5 metros de diámetro. 

A carpa destinada á cafetería quedará pendente do concurso aberto para a súa explotación. Ademais diso este ano ubicaranse na zona as carpas nas que a asociación Emgrobes organiza o seu Grovestock e que estarán no vial dende a rotonda do Corgo durante o segundo fin de semana da Festa. 

A montaxe das carpas require dun amplo traballo por parte da Policía Local que se encargará de xestionar o tráfico de xeito adecuado. A colocación destas estruturas tamén supón que o mercadillo semanal teña que trasladarse a outras zonas os días 25 de setembro e 2 e 9 de outubro. 

Dende o Concello do Grove agradécese a comprensión dos veciños e veciñas polos incomodos que esta montaxe poda ocasionar ó tempo que se solicita a maior colaboración para que todo transcorra con normalidade. 

19 de setembro de 2015 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.