publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez sinala que se está cumprindo o compromiso coa autovía da Costa da Morte que está executada ao 62%

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou esta tarde que a Xunta está a cumprir o seu compromiso coa Autovía da Costa da Morte, que xa está executada ao 62% e na que as expropiacións están pagadas, ou ben, cos pagos consignados para que os propietarios dos terreos os requiran no momento que desexen. Así o confirmou no Pleno do Parlamento, onde respondeu a unha pregunta sobre a evolución dos traballos desta infraestrutura, que terá un impacto positivo na dinamización da comarca.

A responsable de Infraestruturas trasladou na Cámara galega que as obras marchan a gran velocidade, xa que os movementos de terras están practicamente finalizados, case ao 90%, e a construción das estruturas ao 83%, polo que –tal e como se comprometeu o Goberno galego, engadiu- esta infraestrutura será unha realidade o próximo verán.

Ethel Vázquez tamén destacou que o proxecto da Autovía aprobado pola Xunta atende as demandas e consideracións que trasladaron os veciños e os concellos da traza e se priorizou e axilizou o pagamento da totalidade das expropiacións. Nese sentido, lembrou que a Axencia Galega de Infraestruturas xa abonou o pagamento das 3.000 fincas aos seu propietarios; que suman un orzamento de 9 millóns de euros. Indicou que este pago non impedirá que os afectados cobren máis adiante o importe que determine o Xurado de Expropiación.

Reforzar a seguridade

A conselleira destacou que tamén se mantiveron numerosas reunións para atender as demandas para reforzará a seguridade viaria nesta infraestrutura, nas que se determinou que o enlace en San Paio, Corsitanco, é o axeitado, por exemplo.

Tal e como se informou recentemente, no cruce da Piolla, no Concello de Zas, definirase unha glorieta que se porá en servizo ao mesmo tempo que a Autovía da Costa da Morte. Non obstante, co obxectivo de minimizar a afección á densidade de tráfico que rexistra esa estrada entre Cee e A Coruña ao seu paso polo núcleo da Piolla, artellouse unha solución provisional: unha intersección perpendicular á AC-552, sinalizada como provisional de obras ata a execución da glorieta definitiva.

Autovía da Costa da Morte

A conselleira reiterou que o Goberno galego é consciente de que a Autovía da Costa da Morte é unha infraestrutura libre de peaxe de vital importancia para o desenvolvemento de toda esta comarca, que mellorará a competitividade e imprescindible para o desenvolvemento social, económico e turístico da Costa da Morte.

Explicou que desde o mes de marzo se intensificaron os traballos na zona e na actualidade son preto de 250 os operarios e máis de 120 as máquinas que traballan diariamente na construción da autovía.

Por último, recordou que a Xunta tomou a decisión de priorizar o treito 1 entre Carballo e Baio, por ser o que rexistra o maior volume de tráfico, o que ten a maior lonxitude con 27 km, un 60% do percorrido, e porque atende as necesidades de cinco municipios da traza: Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e Vimianzo.

30 de setembro de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.