publicidade hoxe

Cores Tourís comproba a execución da instalación do alxibe de incendios e melloras de cubertas do CEIP de Mondariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz
A-
A+
Cores Tourís na visita ao centro

Cores Tourís na visita ao centro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Mondariz para analizar coa tenente-alcalde do municipio, Mónica Peralba, as obras de execución da instalación do alxibe de incendios do CEIP do municipio e que están previstas para o inicio do curso en setembro.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, do portavoz do PP na localidade, Julio Alén e do director do centro.

Os traballos que hoxe se visitaron consistiron no desprazamento de dito alxibe á parte posterior do centro, onde se atopan as tubarias de acometida de incendios.

“Estes traballos supuxeron un investimento de algo máis de 42.000 euros e atopábanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”, matizou o responsable da Xunta en Pontevedra, quen explicou que foron asumidos a través dun convenio firmado polo anterior grupo de Goberno local e pola administración autonómica, levándose tamén a cabo a mellora da cuberta exterior de Primaria e a cuberta do patio que da acceso ao comedor.

Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas nos últimos anos outras melloras no centro como a ampliación do módulo infantil, a reforma da fontanería e da calefacción, da instalación eléctrica e do alumeado de emerxencia que rolda, xunto a actual obra, os 230.000 euros.

Cores Tourís explicou tamén a tenente alcalde que a Consellería de Educación porá en marcha as obras relativas ao saneamento no interior do centro unha vez que o concello execute o novo colector que enlace este centro coa rede de saneamento, “dando así solución a un problema que sufre actualmente todo este entorno e que xa lle foi explicado polo concello ao conselleiro, Román Rodríguez”.

O delegado territorial aproveitou a visita ao colexio de Mondariz que recordar que a obra que hoxe visitaron forma parte dun conxunto de melloras nos centros educativos que veñen a demostrar que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos colexios e institutos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos” engadiu.

8 de setembro de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.