publicidade hoxe

A nova ordenanza reguladora do servizo de taxi da Laracha entrará en vigor en outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Pleno do Concello da Laracha, reunido hoxe na sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro, acordou por unanimidade aprobar con carácter definitivo a nova ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi. Unha vez superado este trámite, o texto será publicado nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e deberá superar o período de exposición pública de quince días hábiles antes de entrar en vigor.

Este punto non puido ser incluído na orde do día e entrou no Pleno con carácter de urxencia a través dunha moción do Partido Popular dado que se precisaba previamente do ditame da Directora xeral de Comercio no que se toma en conta o informe favorable das tarifas propostas polo Concello da Laracha e adoptadas pola Comisión de Prezos de Galicia. Ese ditame foi emitido despois de que o Pleno xa fose convocado oficialmente.

A nova normativa municipal inclúe unha serie de cuestións coas que se dará cumprimento á Lei galega de transporte público de persoas en vehículo de turismo, tales como a obrigatoriedade de instalación e uso do taxímetro e o establecemento de tarifas propias. A ordenanza tamén contempla un novo sistema de gardas obrigatorias para todos os titulares de licencias de taxi que garantirá a dispoñibilidade deste servizo público as vinte e catro horas do día e os trescentos sesenta e cinco días do ano. 

O contido do texto realizouse desde o diálogo ao ser consensuado polo Concello da Laracha e o sector dos taxistas e tamén cos membros da Mesa Local de Comercio, na que están representados a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL) e a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, contando en todo momento co asesoramento legal dos técnicos municipais. Precisamente da última reunión da Mesa Local de Comercio xurdiron dúas alegacións que foron aceptadas e incluídas na ordenanza. Foron relativas a establecer unha distancia previa ao comezo do funcionamento do taxímetro trala baixa de bandeira de 1,5 quilómetros e admitir un bulto dunhas dimensións máximas determinadas por servizo sen que exista suplemento por ocupación de maleteiro. 

Cabe lembrar que Concello da Laracha cooperou co financiamento do cincuenta por cento do custe da instalación dos taxímetros concedendo doce subvencións nominativas de cincocentos euros cada unha (seis mil euros en total) aos titulares das licencias municipais de taxi para facilitarlles a adaptación dos seus vehículos á nova normativa.

Inventario de camiños e informe ao Pleno

O Pleno aprobou cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións dos tres grupos da oposición cuestións que foran sometidas o pasado martes a ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno. 

Por unha banda tratouse de dúas alegacións presentadas por particulares ao novo inventario de camiños, documento que fora aprobado con carácter definitivo a finais de 2014 e que agora será modificado incluíndo ditas propostas.

Por outro lado, e en conformidade coas últimas modificacións da lei de racionalización e sostenibilidade da administración local, informouse da solicitude que presentará o Concello da Laracha á Deputación Provincial da Coruña para que o ente provincial asuma as funcións de tesourería e recadación ou ben que, no caso de que acredite que non é posible, nomee a un funcionario para que coordine a labor do empregado municipal encargado de ditas funcións. 

Acollemento de refuxiados sirios 

O alcalde deu conta á Corporación das xestións realizadas polo Concello da Laracha para acoller refuxiados sirios, informando a todos os grupos da posta a disposición da Fegamp –e, por tanto, da Xunta de Galicia a través da colaboración entre ambas entidades- de ata sesenta e catro prazas nos centro socioculturais de Santa Margarida de Montemaior (antigo hospital dos peregrinos), O Regado de Cabovilaño, O Igrexario de Montemaior, Campo Medado de Soandres e A Xesta de Soutullo e, coa autorización do Arcebispado de Santiago de Compostela, as casas reitorais de O Igrexario de Montemaior, O Igrexario de Cabovilaño e O Cruceiro de Coiro.

Así mesmo, o Concello da Laracha tamén ofrecerá aos refuxiados todos os servizos e instalacións a nivel social, asistencial, sanitario, educativo, cultural e deportivo para que poidan acceder a elas como calquera outro veciño do municipio. 

Salientar tamén a creación dun rexistro de familias acolledoras do que poden formar parte os veciños do termo municipal que o desexen e teñan os medios suficientes para facelo. O Concello da Laracha xa iniciou a recollida dos datos correspondentes para dispoñer deles en caso de que a Xunta de Galicia e a Fegamp así o requirisen.

25 de setembro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.