publicidade hoxe

Familiares do batería de Piratas estudan exercer a acusación particular por un presunto delito de homicidio imprudente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareasSucesos
A-
A+
Europa Press

A familia de Javier Fernández, alcume Hal 9000, batería do grupo Los Piratas, que faleceu o pasado mércores como consecuencia dun disparo dun garda civil, estuda exercer a acusación particular contra o axente por un presunto delito de homicidio imprudente. Segundo explicou o letrado que representa aos intereses da viúva (e do seu bebé de poucos meses), Gerardo Gayoso, “ata agora a familia actuou con cautela, e estaba presente no proceso como parte prexudicada, porque non tiña información do que pasara”.

Non obstante, tras coñecer o contido do atestado da Policía Xudicial da Garda Civil, o avogado considera que hai argumentos para exercer esa acusación xa que, segundo explicou, no texto queda reflectido que, cando os axentes acudiron á vivenda de Ponteareas cun equipo sanitario, a muller da vítima lles esperaba fóra da casa e “advertiulles de que ela non era a que necesitaba axuda médica, senón o seu marido, que era un enfermo mental, cun trastorno bipolar diagnosticado”.

Así as cousas, o letrado cuestionou a proporcionalidade da actuación dos axentes, ante “unha persoa enferma”, mesmo aínda que esta puidese estar a ter un comportamento violento e “collese elementos de cubertería nas súas mans”. “Nin a súa muller nin o seu fillo estaban en perigo e, ademais, o médico e os axentes sabían que era un enfermo”, insistiu.

Por outra banda, a Garda Civil mantén a súa versión de que acudira o mércores a esa vivenda por un presunto caso de violencia de xénero, e de feito, o atestado remitido ao xulgado presentouse como dilixencias por un presunto delito deste tipo, ademais de por outro de atentado contra un axente.

A ese respecto, o avogado explicou que, efectivamente, hai un parte de lesións dun axente que, ao parecer, foi agredido por Javier. Non obstante, precisou que as devanditas lesións se cinguen a unha erosión no nariz e, polo tanto, nin puntos de sutura nin nada que obrigase a responder cun disparo”.

VERSIÓNS CONTRADITORIAS

Segundo a versión da familia, trasladada aos medios polo letrado e pola propia sogra do falecido, o pasado mércores Javier Fernández tivo un “brote psicótico”, consecuencia da suspensión do tratamento que seguía dende hai anos por un trastorno bipolar.

Ante o seu comportamento agresivo, a súa muller -que estaba na vivenda con Javier e co bebé de ambos os dous- decidiu pedir axuda para tranquilizar á súa parella e ata o domicilio, na parroquia ponteareana de Guláns, desprazouse unha dotación da Garda Civil e unha ambulancia.

A partir de aí, o relato dos feitos difire entre a versión da familia e a da Garda Civil. Mentres que o Instituto Armado sostén que se trataba dun presunto caso de violencia de xénero, a muller e o seu avogado négano, e insisten en explicar o comportamento de Javier pola súa enfermidade mental.

A subdelegación do Goberno emitiu un comunicado no que relataba que o músico agredira a súa muller e un dos axentes intervintes. Así mesmo, admitía que o outro garda, á vista de que o home non depoñía a súa actitude violenta, viuse obrigado a efectuar un disparo que lle impactou no abdome. Javier Fernández, de 40 anos, morría horas despois no Hospital Meixoeiro.

A súa muller e os seus achegados insistiron en que o músico “xamais foi un maltratador”, e lamentaron que o que necesitaba era axuda médica, e non ser reducido pola Garda Civil. “O que se puido solucionar cunha pastilla, solucionouse cunha bala”, chegou a afirmar un dos seus compañeiros de Los Piratas.

31 de agosto de 2015 | 20:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.