publicidade hoxe

A nova planta do Grove facilitará o acceso ao gas natural a máis de 11.000 habitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Grove
A-
A+
Inauguración nova planta do Grove

Inauguración nova planta do Grove

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salientou hoxe, durante a inauguración da nova planta de gas natural do Grove, que a posta en marcha desta infraestrutura facilitará o acceso ao gas aos máis de 11.000 habitantes do municipio, beneficiando ao mesmo tempo ao tecido empresarial da comarca.

Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo director de Zona Norte de Gas Natural, Roberto Cámara, e polo alcalde do municipio, José Antonio Cacabelos, explicou que o gas natural achega beneficios en tres ámbitos clave: desde o punto de vista económico, xa que mellora a competitividade das empresas; desde o punto de vista enerxético, porque contribúe a elevar o grao de eficiencia; e desde o punto de vista ambiental, ao ser unha enerxía respectuosa co contorno natural.

“Hoxe damos un paso máis na nosa aposta por levar o gas natural aos concellos galegos de cara a mellorar a calidade de vida da cidadanía e impulsar a competitividade empresarial”, incidiu Bernardo Tahoces. Así, sinalou, xa no mes de agosto máis de 1.000 vivendas e empresas do Grove terán acceso ao gas, cifra que se irá incrementando na medida en que aumente a rede de distribución.

Neste sentido, a construción da nova planta, que sumou un investimento conxunto de 300.000 euros, explicou o director xeral, e é o primeiro paso do proxecto de gasificación do Grove, que inclúe nos próximos anos a construción dunha rede de distribución de máis de 8 quilómetros que permitirá achegar o gas á maioría dos fogares, industrias e comercios da localidade.

O Goberno galego segue así a desenvolver unha completa infraestrutura de transporte e distribución de gas que suma, coa incorporación do Grove, un total de 70 municipios, 29 deles na provincia de Pontevedra. En total, a rede de distribución de gas natural suma cerca de 3.200 quilómetros de lonxitude, e case 248.000 puntos de subministro, o que supón que o 67% da poboación galega está hoxe en disposición de utilizar esta enerxía.

3 de agosto de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.