publicidade hoxe

Ponte Caldelas pon en marcha “Noites na Alameda con…”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas, dentro do seu desexo de poñer en marcha iniciativas para reactivar a actividade económica nos sectores máis representativos do municipio como son o comercial e o hostaleiro, porá en marcha a partir deste venres o programa “Noites na Alameda con…” co fin de dinamizar o consumo nas terrazas existentes nos arredores do parque arborado da vila.

Esta iniciativa pretende atraer público de Ponte Caldelas e arredores ás terrazas da Alameda nestas noites de verán coa intención de que se recupere un lugar para o lecer e a conversa tendo como fío musical os principais éxitos de figuras míticas da música contemporánea a través da megafonía instalada polo Concello. 

A primeira destas “Noites na Alameda con…” será o vindeiro venres 3 de xullo, entre as 22 e as 24 horas, e estará protagonizado polo mítico grupo “Queen”, liderado por Freddy Mercury. Esta elección faise como un pequeno xesto cara a defensa da igualdade ante a recente celebración do Día Internacional do orgullo LGBT. 

A sesión do sábado estará dedicada aos inconmensurables “Dire Straits” do inconfundible Mark Knopfler. O horario destas audicións prolongaranse desde as 22 ata as 24 horas co fin de favorecer tamén o descanso das persoas que viven nos arredores coa intención de non perturbar o sono daqueles veciños que así o desexen. 

A falta de orzamento fai que o equipo de goberno teña que inxeniar medidas promocionais que tenten atraer público á vila para dinamizar a economía da hostalería local a través de iniciativas novidosas que irán ampliándose a medida que se vaian cumprindo obxectivos. Non se descarta que, si esta actividade ten éxito e demanda, se lle dea cabida á actuacións de grupos amateurs dos chamados “Tributo” para completar este proxecto dinamizador das noites dos venres e os sábados na Alameda de Ponte Caldelas.

2 de xullo de 2015 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.