publicidade hoxe

O Concello de Ares presenta a IX edición do Concurso de Pintura Manuel Rebón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

A concellaría de Cultura, que dirixe o edil socialista Eugenio Fernández Lago, presentou hoxe a que será a novena edición do recoñecido Concurso de Pintura Concello de Ares- Manuel Rebón, unha iniciativa cultural xa consolidada, que cada ano esperta máis aceptación e interese.

De feito, tal e como indicou Fernández Lago, o grupo de goberno confía en seguir contando con obras de tanta calidade como as de edicións anteriores, que lle deron a este certame un enorme prestixio e o convertiron nun referente a nivel autonómico.

O certame, desenvólvese na súa totalidade en Cervás, facendo todo o concurso e mostra posterior  nesta parroquia aresana. Nomeadamente no seu local social, o CIRS, entidade á que estaba moi vencellado Manuel Rebón, veciño finado hai anos e un dos pilares fundamentais da asociación, así como destacado aficionado á pintura.

Segundo informaron os organizadores, o prazo de presentación de obras quedará aberto do 1 ao 10 de setembro. O concurso, tal e como consta nas bases, vai dirixido a persoas maiores de idade, que poderán presentar no CIRS de Cervás -en horario de 19.00 a 21.00, de luns a venres, e de 12.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas, os sábados e domingos- un máximo dunha obra, única e orixinal. Ésta deberá axustarse a óleos e acrílicos, de temática libre,  cun máximo de 110 x 110 centímetros, incluíndo o marco.

O xurado, composto como tódolos anos por persoas vinculadas á cultura, fallará o premio o día 11 de setembro, que será entregado o día 26 de setembro no CIRS. A exposición será tamén no CIRS entre os días 13 e 26 de setembro, no horario de apertura do local social de Cervás.

 O primeiro premio será de 1.200 euros, establecéndose dous accésit e un premio especial para o mellor pintor local que este ano como novidade incrementa a súa contía a 500 euros.

Tamén como vén sendo habitual, escolleuse unha das obras gañadoras de anos anteriores para ilustrar o cartel promocional e as bases desta nova edición, neste caso a titulada “Lembranzas de Ares”, do autor Gumersindo Vázquez Fraga, que resultou vencedora no sétimo Manuel Rebón 2013.

30 de xullo de 2015 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.