publicidade hoxe

Frades dedícalle aos máis pequenos a II Festa Xogueteira e o XII campionato municipal de pesca que se celebran este domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades celebrará este domingo 5 de xullo dúas actividades gratuítas dirixidas aos máis pequenos e pequenas do municipio: o campionato municipal de pesca infantil e a Festa Xogueteira, para escolar e infantil. Dúas actividades de participación totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente no Concello de Frades ou chamando aos teléfonos 981 695 567 e 981 695 663.

Así, o domingo comezará coa celebración da duodécima edición do campionato municipal de pesca infantil, que terá lugar a partir das 10:00 horas no río Maruzo, ao seu paso pola parroquia de Céltigos. Os únicos requisitos para participar son ter menos de 16 anos, estar acompañado por un adulto e levar da casa as propias canas e cebo.

O Concello de Frades entregará agasallos a todos os participantes, así como unhas lambonadas. Tanto os novos pescadores como os seus familiares que se acheguen pola área recreativa de Céltigos poderán desfrutar dun pequeno almorzo para repoñer forzas unha vez rematada a competición.

Festa xogueteira 

Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas a asociación socioeducativa Antonio Gandoy e o Concello de Frades organizan a segunda edición da Festa xogueteira, unha iniciativa de participación libre e de balde dirixida a nenos e nenas de preescolar e de infantil que deberán estar acompañados das súas familias. A festa terá lugar de 16:30 a 20:00 horas na área recreativa Os Pasos (Aiazo) e a participación é totalmente de balde, sempre que se anoten antes do 4 de xullo. En caso de choiva, a festa trasladarase ao pavillón municipal de Ponte Carreira.

A “Festa xogueteira” está organizada pola asociación socioeducativa Antonio Gandoy e subvencionada polo Concello de Frades. Está dirixida a que pais e nais compartan tempo cos seus fillos a través de distintos xogos: construcións, música, contos, xogos de auga, pintura de dedos, area… Os participantes deberán levar a merenda e as bebidas.

Dende a asociación socioeducativa Antonio Gandoy explican que a “Festa xogueteira” é un tempo de ocio compartido entre nais/pais con fillos/as de preescolar e de infantil. Nesta festa tamén participarán as orientadoras do proxecto educativo “Espazos das Familias-Preescolar na Casa”, que se encargan do deseño das actividades e dos diferentes espazos de xogo. Así, as actividades están dirixidas ao fomento da investigación e da exploración con diferentes materiais, distribuídos en recantos de xogo ou zonas organizadas por temáticas.

As familias de Frades acompañarán aos seus fillos polos diferentes Espazos, seleccionando aqueles que máis lles gustan aos nenos/as. Non haberá un tempo definido para permanecer en cada Espazo e haberá Espazos de construción, de motricidade, de música, de arte, de texturas…

1 de xullo de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.