publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís comproba a labor das brigadas de loita contra incendios da mancomunidade do Ulla-Umia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisCuntisPontevedra
A-
A+
Cores Tourís coas brigadas

Cores Tourís coas brigadas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Portas para comprobar o comezo da labor das brigadas municipais na Mancomunidade do Ulla-Umia.

No acto estivo tamén presente o alcalde de Portas, Víctor Estévez, o presidente da Mancomunidade, Roberto Vázquez, así como o alcalde de Cuntis, Manuel Campos e o de Caldas de Reis, Juan Manuel Rei. A maiores tamén estiveron presentes no acto, o xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois, e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

En total, traballarán na prevención e defensa do monte ante os incendios nestes catro concellos 40 persoas en 8 brigadas grazas a un convenio entre Mancomunidade e Consellería do Medio Rural e do Mar que supuxo un investimento por parte da administración autonómica e dos concellos de 243.496,96 euros. Contarán con oito vehículos de aluguer.

Estas brigadas xurdiron a raíz da colaboración entre a administración autonómica e local grazas a un convenio que permitiu a posta en marcha de equipos humanos de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os meses de maior risco de lume. Deste xeito, puidéronse contratar brigadas de 5 persoas, tendo en conta que estes equipos humanos e materiais foron subvencionados pola administración autonómica. Pola súa banda, os municipios comprometéronse, ademais, a limpar terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido.

En concreto, durante estes tres meses, as brigadas levarán a cabo rareo de pistas e camiños forestais para facilitar o acceso de medios contraincendios en caso de emerxencias. Tamén executarán traballos de vixilancia e extinción que serán concretadas en todo momento polo responsable do distrito forestal correspondente baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia.

As labores das brigadas executaranse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito.

O delegado territorial animou aos brigadistas a levar a cabo a súa labor “coa maior das profesionalidades”, recordando a importancia da protección e coidado dos montes. “Cremos que a experiencia das brigadas municipais foi xa o ano pasado moi satisfactoria, xa que veu a demostrar que se fixo un traballo eficaz e rápido, en especial, a raíz de que os traballadores seleccionados eran veciños destes concellos e coñecían a zona, o que permitiu atallar máis rapidamente os focos”, explicou Cores Tourís, quen explicou que, en total, en Galicia traballarán case 530 brigadistas en 103 equipos.

Pola súa banda, o alcalde de Portas, Víctor Estévez Casal, agradeceu a labor das brigadas en traballos de limpeza e prevención e desexou que “ogallá solo sexa necesario previr”.

Operativo de loita contra o lume

Un total de 103 brigadas equipadas con 57 motobombas, 42 da Xunta e as 15 restantes de concellos, forman o equipo previsto no operativo de loita contra o lume organizado baixo o mando único da Xunta de Galicia e recollido no Pladiga, e que conta, na provincia de Pontevedra, cos seguintes medios: 23 brigadas de terra, 6 equipos helitransportados pertencentes á Xunta de Galicia e 48 cuadrillas de operarios de Tragsa e a empresa pública de servizos agrarios Seaga.

Ademais 26 brigadas municipais de Pontevedra sumáronse ao convenio de participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal.

31 de xullo de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.