publicidade hoxe

Certame da Canción Mariñeira en Laxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxe
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Laxe informa de que este domingo 19 de xullo a partir das 20.00 horas na praza de Ramón Juega, celebraremos o XIV Certame da Canción Mariñeira.

Esta nova edición do certame, como vén sendo costume, foi organizada dende os seus comezos polo Departamento de Cultura do Concello de Laxe en estreita colaboración coa Asociación Cultural municipal de Amigos da Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe.

As corais participantes no concerto deste ano por orde de actuación serán: Coral Alecrín de Ourense, Coral Alecrín de Brión (Ferrol), Coral Benaventana (Benavente-Zamora) e, como non podía ser doutro xeito, para concluír o acto, a Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe, quen nos sorprenderá con novos temas no seu repertorio.

Todas as corais no seu programa de actuacións, interpretarán algunha peza relacionada co mar e o mundo mariñeiro mantendo vivo con elo o esprito co que nacía este certame fai 14 anos atrás: honrar e lembrar ás persoas que son ou foron traballadoras do mar, familiares e contorna máis próxima a través da música coral como parte importante da nosa tradición cultural musical.

De todos modos, durante a hora ou hora e media que durará o concerto, terán oportunidade de escoitar outros temas corais moi heteroxéneos, procedentes incluso doutras culturas diferentes á galega.

Na celebración do Certame da Canción Mariñeira deste ano, colaborarán no seu financiamento: a Rede Cultural da Deputación da Coruña, FECOGA (Federación de Corais Galega) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

A próxima cita cultural deste verán en Laxe, terá lugar vindeiro xoves día 23 de xullo co primeiro dos pés de rúa deste verán ás 20 horas na Praza de Ramón Juega. Nesta ocasión contaremos cun dos mellores paiasos do panorama galego, Peter Punk e o seu espectáculo Peor Imposible, quen xa nos tes acompañado outros anos nos veráns culturais do noso concello.

Con anterioridade a este acto, este venres 17 de xullo, ás 20.30 horas terá lugar a proxección do documental “Tesouro de Corcoesto” nun acto organizado pola Asociación Medioambiental Contramínate no que colabora o Concello de Laxe facilitando o espazo e os medios necesarios para a súa proxección.

16 de xullo de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.