publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Asalto ao Castelo de Vimianzo premia a estética das fachadas e dos traxes e vestidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

Se alguén cre que a estética na Idade Media non importa, minte. Ou se non, non coñece o Asalto ao Castelo de Vimianzo. Este ano haberá dous concursos para premiar a beleza, tanto dos traxes e vestidos como das fachadas engalanadas.

Concurshow

Sendo fundamentais as vestimentas ambientadas na época durante os días que rodean ao Asalto, como novidade nesta XX edición incluirase no programa un concurso de traxes. O Concurshow de Traxes Medievais celebrarase na tardiña do sábado, ás 20:05 na Praza do Concello.

Consistirá nun concurso aberto a todo interesado no cal se terá en conta a orixinalidade da vestimenta, a concordancia coa época que se trata e a elaboración dos mesmos. Un xurado escollido previamente decidirá cal será o traxe gañador, que recibirá un pequeno agasallo.

Concurso de fachadas

Con só tres edicións, o concurso de Fachadas conseguiu que ano a ano as rúas da vila de Vimianzo luzan máis fermosas ao xeito medieval. Idéase de todo con estandartes, escudos, plantas e mesmo bonecos.

Todo aquel que desexe participar deberá inscribirse enviando un correo a festa@asaltoaocastelo.org no que deben constar: nome e apelidos do concursante, teléfono e enderezo exacto da fachada (ou piso) coa que participa. Os únicos que quedan excluídos de participaren son os locais dos Pinchos Irmandiños. Por suposto, as fachadas deberán estar engalanadas cando menos os días da festa, o venres 3 e o sábado 4 de xullo. Aínda que tamén se agradece a vontade de aproveitar toda a semana. O prazo para presentarse ao concurso remata o mércores 2 de xullo.

Os agasallos son os seguintes: O primeiro premio levará un vale de compra por valor de 50€, o segundo un menú medieval Do Mar á Terra para dúas persoas,  e o terceiro outro tanto, pero menú castrexo. A decisión do xurado farase pública durante o propio sábado 4 de Xullo, ás 19h na Praza do Concello.

4 de xuño de 2015 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.