publicidade hoxe

O alcalde comparte a cultura de Soutomaior con 28 alumnos americanos de intercambio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Visita dos escolares de interecambio á fortaleza de Soutomaior

Visita dos escolares de interecambio á fortaleza de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, deu esta mañá a benvida a un grupo de estudantes estadounidenses da Newark Academy de New Jersey que visitan Soutomaior grazas ao programa anual de intercambio de estudantes que organizan os centros escolares Manuel PadínTruiteiro de Arcade e O Toural de Vilaboa. Acompañados polo rexedor local os mozos admiraron a beleza de algo tan singular para eles como é a fortaleza medieval do Castelo de Soutomaior.

Trátase dun grupo de 28 alumnos procedentes da cidade de Livingston que teñen por diante 13 días de auténtica cultura galega. Na súa visita gozarán dunha etapa do Camiño de Santiago, unha viaxe en catamarán, visita á praia da Lanzada, unha poxa de peixe na lonxa de Riveira, as termas de Ourense e ata unha visita guiada polas bateas da ría. Para comezar, hoxe tocaba coñecer un elemento inexistente na cultura americana e que tan de moda está agora grazas á serie “Xogo de Tronos”, unha auténtica fortaleza medieval, o Castelo de Soutomaior.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, quixo dar a benvida a estes alumnos e compartir con eles algúns detalles do Castelo. Do mesmo xeito o edil aproveitou a ocasión para felicitar aos coordinadores do programa polo seu traballo á vez que destacou que estas iniciativas se prolongan no tempo moito máis do que duran os programas. Forxan amizades entre os alumnos que duran para sempre”.

Este é un dos elementos que tamén destaca a coordinadora americana, Teresa McNeilly, “Empezamos fai sete anos e xa temos mozos, que aínda que non están no programa, viaxan connosco e quedan coas familias coas que estiveron hai anos, e mozos que empezaron como estudantes e agora veñen como titores”.

Ao terminar a visita polo conxunto da fortaleza, o grupo gozou dun pequeno convite de produtos típicos da zona. Reguera despediuse dos alumnos agradecéndolles a súa visita e mostrándolles os seus mellores desexos para a súa estancia. “Que gocedes esta experiencia e oxalá volvades pronto”, asegurou o edil.

Este programa pretende que os alumnos coñezan outra cultura, o seu idioma e os seus costumes a base de actividades e grazas á convivencia coas familias locais. “As actividades son importantes, pero onde de verdade aprenden é vivindo aquí o día a día, con familias como as súas”, asegura McNeilly. Proba deste ambiente familiar que busca este programa está nas datas nas que se produce, sempre en vacacións para buscar o máximo tempo libre dos xóvenes estudantes. A quenda dos alumnos de Soutomaior chegará o próximo 4 de setembro, cando partirán cara a Estados Unidos e onde vivirán en primeira persoa festas estadounidenses tan emblemáticas como Acción de Grazas, o coñecido ”Thanksgiving”.

19 de xuño de 2015 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.