publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cultura licita a restauración do Retablo da igrexa de Santa María de Meira por 30.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeira
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de licitar as obras de restauración do retablo da lactación ou de San Bernardo da igrexa do mosteiro de Santa María de Meira (Lugo). Tal como publica o DOG de hoxe o orzamento de licitación das obras é de 29.645 euros e o seu prazo de execución será de cinco meses contados a partir da formalización do contrato. Trátase dunha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Segundo se establece no prego de condicións, os traballos de restauración abranguen a elaboración de mapas do estado de conservación, controis de temperatura e humidade, limpeza superficial, protección da policromía e volumes, sentado de zonas policromadas alteradas e con perigo de desprendemento e desmontaxe e siglado de pezas. Tamén se levarán a cabo tratamentos de desinfectación curativo-preventiva, a recuperación estrutural do retablo e das imaxes vinculadas ao mesmo, o tratamento de elementos metálicos, o tratamento de zonas de apoio do retablo e a colocación de lámina illante e a fixación de policromías, entre outros.

A empresa adxudicataria das obras encargarase da redacción do proxecto de intervención de acordo coas condicións do contrato, levará a cabo os traballos de restauración e terá que redactar un informe final de intervención.

Os traballos levaranse a cabo na propia igrexa e só se poderá trasladar un ben obxecto de intervención en caso de que as condicións técnicas do traballo ou o estado de conservación do mesmo así o requira. Canto aos criterios de intervención, atenderase de xeito prioritario á conservación do retablo e os tratamentos que se apliquen deberán ser estables, reversibles e que non alteren nin modifiquen o aspecto orixinal dos bens.

9 de xuño de 2015 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.