publicidade hoxe

Rodrigo Germade e Óscar Carrera logran a medalla de bronce no Campionato de Europa de piragüismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Rodrigo Germade e Óscar Carrera, compoñentes do K-4 1.000 metros español, lograron a medalla de bronce no Campionato de Europa de piragüismo que se disputou en Racice (República Checa). Xunto a Javier Hernanz e Íñigo Peña completaron unha boa actuación, xa que quedaron moi preto do ouro. Teresa Portela, no seu regreso á competición internacional tras máis dun ano ausente, finalizou sexta en K-1 200 metros. Doce padexeiros galegos, dos 14 que participaron no campionato, lograron alcanzar as finais e terminar entre os nove primeiros.

O barco español do K-4 1.000 metros acudiu á final despois de realizar uns bos rexistros nas anteriores fases. Na regata decisiva atopouse coa embarcación da República Checa, que era unha das grandes favoritas e que finalmente logrou a medalla de ouro por diante dos portugueses. Pero os españois estiveron a pouco máis dun segundo de poder conseguir o seu obxectivo de ser campións. Nos case tres minutos que dura a proba quedaron a pouco máis dun segundo do primeiro lugar.

Óscar Carrera, do Kaiak Tudense, e Rodrigo Germade, do Club Piragüismo Aldán, mostraron a súa satisfacción pola medalla de bronce. O primeiro deles dixo que “é un resultado para estar contento”. E o segundo engadiu que “hai que seguir traballando para estar no primeiro lugar do podio”. Concentrados no Centro de Alto Rendemento en Madrid, os seus maiores desafíos atópanse no Mundial de Milán a finais do mes de agosto. En xogo estarán as prazas para participar nos Xogos Olímpicos.

Teresa Portela volveu á competición internacional na República Checa. Gañouse a praza nun control selectivo e non renunciou a participar. Xa advertira que o Campionato de Europa quedaba moi preto en canto á programación da súa preparación. Pero volveu demostrar o seu talento. Foi sexta nunha final de K-1 200 metros moi igualada e intensa gañada por Sarah Guyot, de Francia quedou a pouco máis dun segundo do primeiro lugar.

No sexto lugar tamén se clasificou Roi Rodríguez en K-1 500 metros. O tomiñés transmitiu boas sensacións ao longo de todo o campionato e na final foi superado por rivais con máis experiencia. O gañador foi o danés Rene Poulsken, que investiu dous segundos menos que o padexeiro do Kaiak Tudense.

Adrián Sieiro e Jacobo Lores, ambos do Piragüismo Poio, terminaron no sétimo lugar da clasificación en C-2 200 metros. A súa participación foi moi regular e con boas perspectivas para o futuro. Tamén Diego Romero, do Breogán do Grove, foi sétimo en C-1 5.000, a proba que pechaba o programa oficial do campionato. Diego Romero foi o único padexeiro galego que participou en dúas modalidades.

Nas finais do domingo tamén estiveron Carlos Arévalo e Cristian Toro, no K-2 200 metros. Terminaron no noveno lugar da clasificación final.

Dos catoce padexeiros galegos, doce deles estiveron presentes nas finais. Ademais dos que competiron na xornada do domingo, tamén o fixeron André Oliveira, do Náutico Firrete, sétimo en C-1 1.000 metros, e Raquel Rodríguez e Jenifer Casal, do Club Piragüismo Pontevedra, quintas en C-2 500 metros. Tono Campos e Ana Varela non puideron alcanzar as finais.

3 de maio de 2015 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.