publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a licitación das obras dos sistemas xerais da Plaforma Loxística de Salvaterra-As Neves por 13,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesLocal PortadaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras urbanización da primeira fase dos sistemas xerais da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, a PLISAN, por importe de algo máis de 13,5 millóns de euros, polo que, desde agora, ábrese un prazo de 52 días para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas. Esta actuación ten un prazo de execución de 18 meses.

Esta medida permitirá iniciar este mesmo ano as obras dos sistemas xerais, que comprenden a construción do vial principal, do alumeado e das conducións necesarias para o abastecemento, saneamento, telecomunicacións e subministro de gas para dar servizo ás empresas que se instalen nas parcelas desta primeira fase, composta por unha superficie de 70 hectáreas.

Ao mesmo tempo, avánzase no trámite ambiental que permitirá licitar as obras de construción da depuradora de augas residuais e da estación de tratamento de auga potable, co fin de garantir o sistema necesario de abastecemento e saneamento ás empresas que desenvolvan a súa actividade na PLISAN.

No seguinte plano póndese localizar o vial principal, ademais da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), e as primeiras zonas que se van urbanizar.

A lonxitude total dos viais será de 3,7 quilómetros con oito rotondas. O ancho total é de 29 metros, semellante a unha autovía, é dicir, con dous carrís en cada sentido e unha mediana de nove metros, máis un metro de beiravía en cada lado.

En virtude da licitación publicada hoxe, baixo os viais irán os condutos de abastecemento de auga, saneamento separativo, gas, telecomunicacións, alumeado público, subministro eléctrico e condutos separados para instalar fibra óptica ou calquera outra tecnoloxía precisa no futuro.

A licitación da PLISAN é froito da reposición do réxime de condominio entre as tres entidades promotoras, a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Zona Franca de Vigo, que formalizaron o convenio o pasado mes de marzo.

Segundo o establecido no acordo entre as tres partes, é o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) quen licita as obras, mentres que a Autoridade Portuaria de Vigo será a entidade encargada dos traballos facultativos de replanteo, dirección, inspección e liquidación da obra, así como da vixilancia e coordinación de seguridade e saúde da mesma.

O financiamento das obras licitadas corresponderá aos tres organismos que interveñen no proxecto, coas seguintes porcentaxes: Autoridade Portuaria de Vigo: 60,580 %.; Consorcio da Zona Franca de Vigo: 21,125 % e Instituto Galego da Vivenda e Solo: 18,295 %.

4 de maio de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.