publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Renóvase o convenio do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol cun investimento de 1,7 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresCabanasCedeiraFeneFerrolLocal PortadaMugardosNarónNedaPontedeumeValdoviño
A-
A+

A Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol aprobaron a renovación do Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto deste plan nesta área ata o ano 2016, que supón un investimento total de 1.676.029,68 euros. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, xunto coa delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, presidiron a reunión da Comisión de Seguimento celebrada hoxe en Ferrol.

Esta renovación está xustificada no feito de que a vixencia do convenio que rexe na actualidade remata o 31 de decembro de 2015 e, segundo está establecido no convenio a prórroga debe ser adoptada antes do 1 de maio de 2015. En total, a Administración autonómica achegará 1.240.683,79 para compensar as viaxes dos cidadáns dos 11 concellos adheridos, segundo consta no acordo aprobado hoxe.

O 27 de decembro de 2010 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e os concellos de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño asinaron o Convenio de colaboración para desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área Ferrol. Posteriormente, en febreiro de 2014 uniuse o Concello de Miño, polo que esta área está integrada actualmente por un total de 11 concellos.

O acordo supón, sempre que así o aprobe a Comisión de Seguimento que se celebrará nas vindeiras semanas, a continuidade dun plan que supón importantes aforros económicos para os usuarios. A Xunta contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante.

Por riba disto, a Xunta contribúe coa bonificación do 100% dos transbordos e cos descontos adicionais aos usuarios habituais (15%), ás familias numerosas (20% ou 50% segundo se ten 3 fillos ou máis) ou os estudantes da Universidade da Coruña no campus de Ferrol.

Cómpre sinalar que o Plan de transporte metropolitano mellora a accesibilidade e a mobilidade das vilas, xa que ademais de contribuír a frear a intensa utilización do vehículo particular, tamén axudará a aumentar o uso do transporte público. Trátase dun plan que aposta tamén por favorecer a intermodalidade, coa aplicación das bonificacións tarifarias en Renfe Operadora.

30 de abril de 2015 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.