publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Apoio unánime do pleno de Frades ao mantemento dos Rexistros Civís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade unha proposta da FEGAMP en defensa do mantemento dos Rexistro Civís no ámbito municipal máis próximo, encomendándoos aos Xulgados de Paz e coa colaboración dos municipios. Todos os grupos coincidiron en denunciar que non ten sentido que os veciños teñan que desprazarse ata os Rexistros Mercantís ou ata as capitais da provincia para facer trámites que agora mesmo facían no seu entorno máis próximo. O alcalde de Frades, Roberto Rey, apuntou tamén que no Rexistro Civil de Frades se está procedendo a recoller sinaturas da veciñanza para o mantemento deste servizo.

Así mesmo, o pleno rexeitou, cos votos en contra do grupo de Goberno e a abstención do PSOE, unha moción do BNG na que se solicitaban actuacións de mantemento no CPI de Ponte Carreira, concretamente nos seus baños, na carpinteira interior, unha maior hixiene ou a colocación cun lugar para cubrirse cando chove. Roberto Rey indicou que “esta mesma mañá falei coa directora do centro e non sabe nada da maior parte dos problemas que plantexades nesta moción, polo que imos esperar a que o Consello Escolar aprobe a súa lista de peticións deste ano e colaboraremos todo o que se poida”.

O alcalde de Frades explicou que “unha das primeiras cousas que fixen como alcalde foi reunirme coa dirección do CPI e coa ANPA para ver as súas necesidades. E cada ano nos presentan un listado de peticións, aprobado polo Consello Escolar, que imos facendo tan pronto como temos ocasión”. Neste sentido, Rey Martínez indicou que “coa axuda do colexio e da ANPA fixemos moitas cousas como a rampla de acceso ao centro de ESO, o parque para os nenos, o salón de actos, a nova conexión de auga coa cociña, para que tiveran presión e a auga estivera máis limpa, ou este mesmo verán fixemos actuacións de reparación de humidades e de pintado”.

O alcalde lamentou que “a un mes das eleccións se veñan presentando iniciativas sobre o colexio cando en catro anos non se dixo nada” e mesmo preguntou pola orixe destas deficiencias xa que “nin a directora nin o conserxe teñen información algunha sobre algunha das deficiencias que denuncian dende o BNG”. Rey recoñeceu dúas apreciacións dos nacionalistas: as proteccións para os nenos nas esquinas das bancadas do polideportivo municipal de Ponte Carreira, que están encargadas e se instalarán en breve; e a antigüidade das tuberías do colexio. “Xa está plantexado na Consellería e hai unha partida de 36.000 euros para cambiar a tubaxe”, explicou o alcalde de Frades, quen indicou que as obras se celebrarán durante o verán xa que é preciso levantar o chan de parte da instalación.

Obradoiro de emprego

Na quenda de informes da Alcaldía, Roberto Rey informou da concesión do obradoiro de emprego “Terras de Trastamara”, proposto polos Concellos de Frades, Ordes e Trazo. “Sabemos que está aprobado con 20 alumnos e por seis meses, aínda que estamos esperando pola comunicación da Xunta para ter máis datos”, adiantou o alcalde. A petición presentada ante a Xunta incluía un total de 45 alumnos, durante 6 meses, nas modalidades de xardinería, albanelería e pintura. O orzamento inicial ascendía a máis de 460.000 euros e suporía un importante apoio para o mantemento das áreas recreativas, locais sociais e espazos públicos de Frades.

Rey tamén informou da solicitude dun segundo obradoiro, “Terras de Trastamara II”, na especialidade de forestal e dirixido a mozos e mozas de 18 a 25 anos. Unha solicitude que aínda non recibiu contestación.

7 de abril de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.