publicidade hoxe

O obradoiro de emprego “Terras de Iria II” beneficiou a 20 persoas desempregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPadrón
A-
A+
Beatriz Mato en Padrón

Beatriz Mato en Padrón

A Consellería de Traballo e Benestar ten investido 180.000 euros no obradoiro de emprego “Terras de Iria II”, que beneficiou a 20 persoas en situación de desemprego dos concellos de Padrón, Rois e Dodro, que colaboraron na posta en marcha desta iniciativa.

Así o destacou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, que participou hoxe no acto de clausura desta iniciativa. Trátase dun programa que deu continuidade ao primeiro obradoiro “Terras de Iria”, que se desenvolveu nos anos 2013-2014.

Esta actuación ofreceu aos participantes un emprego, ao mesmo tempo que recibiron unha formación teórica e práctica da máxima calidade nas especialidades de fábricas de albanelería e atención sociosanitaria a persoas dependentes.

Estes programas, segundo explicou Mato, están sempre ligados á realización de obras e servizos en beneficio da comunidade. Neste caso, o “Terras de Iria II” posibilitou a reforma, acondicionamento e mellora de escolas unitarias dos tres concellos participantes, así como a atención sociosanitaria a persoas dependentes nos centros de día de Rois e Dodro.

Ao remate da iniciativa, ademais, os participantes reciben un certificado de profesionalidade de validez nacional, que supón “unha importante mellora do currículo”.

En 2015 refórzanse estes programas mixtos de formación e emprego. Ademais de que se blinda a orde anual, convocaranse por primeira vez unha específica para menores de 25 anos. En total, o investimento ascenderá en total 15 millóns de euros, un 50 por cento máis que o ano pasado. Con este orzamento, poranse en marcha máis de 70 obradoiros, nos que participarán 2.000 alumnos.

Ademais dos obradoiros de emprego, Mato destacou outras liñas de colaboración cos concellos como o novo programa de formación dual, no que este ano se investirán 2,65 millóns de euros; ou a orde de contratación para persoas preceptoras da RISGA, que este ano dobra o seu orzamento ata os 10 millóns de euros. No caso desta última liña de axuda en concreto, a conselleira lembrou que Padrón e Rois o ano pasado xa participaron nesta experiencia piloto, e tamén tomarán parte este ano na súa segunda edición.

Campos de traballo

Mato aproveitou a súa visita para confirmarlle ao alcalde de Padrón que a comarca do Sar contará este verán con dous dos 19 campos de traballo xuvenil que vai haber en Galicia: en Rois e no propio concello de Padrón, con 20 prazas cada un.

Trátase da primeira vez que se vai desenvolver en Padrón unha iniciativa destas características. Os participantes realizarán labores de dinamización e conservación do Camiño de Santiago ao seu paso por esta localidade.

Por outra banda, Rois celebrará a oitava edición do campo de traballo, que estará centrado na escavación arqueolóxica e limpeza do Castro do Socastro.

A conselleira salientou que este tipo de iniciativas promoven a implicación e participación social da mocidade, ao tempo que fomentan a mobilidade e a acción voluntaria entre os mozos e mozas.

Xa para rematar, Mato recordou que a colaboración coa comarca esténdese tamén a outras áreas do eido do benestar ou laboral. Desde 2009, as diversas liñas de cooperación do departamento de Traballo e Benestar coa comarca ascenderon a 6,7 millóns de euros.

19 de marzo de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.