publicidade hoxe

A Xunta destaca a importancia da colaboración transfronteiriza coma un instrumento dinamizador de oportunidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago destacou hoxe a importancia da colaboración transfronteiriza coma un instrumento dinamizador de oportunidades entre os concellos de Cerveira e Tomiño, xa que a cooperación entre ambos concellos ten vistas a un crecemento sostible, innovador e inclusivo baseado na cooperación transfronteiriza, que aproveita as sinerxías resultantes da cooperación entre ambas marxes do río Miño, mellorando a posición competitiva deste espazo e da calidade de vida dos seus habitantes.

Pazos Couñago, participou hoxe nas I Xornadas de Cooperación Transfronteiriza e Amizade Cerveira – Tomiño, que tiveron lugar no Auditorio de Goián, onde explicou que a cooperación entre estas dúas vilas permitirá xerar oportunidades de crecemento e desenvolvemento económico, cun territorio máis amplo, máis cohesionado, con recursos estratéxicos compartidos o que conleva un territorio con maior atractivo económico.

Este proxecto de colaboración pretende deseñar, seguindo unha visión común, estratexias de desenvolvemento e concretos que posibiliten unha maior integración deste espazo, a optimización da utilización dos recursos humanos, económicos, naturais e culturais, e do aproveitamento das súas potencialidades territoriais no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Para este proxecto, é necesario acadar a máxima participación dos axentes sociais e económicos da zona, no sentido de promover a cooperación institucional, económica, social, cultural e ambiental entre os dous concellos; a valorización do patrimonio natural e cultural, con especial enfoque na área do río Miño; a xestión compartida de equipamentos e servizos públicos de ambas entidades; a planificación estratéxica do territorio e a busca de fontes de financiamento para un programa de acción a definir, polo que segundo Alberto Pazos, unha vez máis, a fronteira constitúe unha oportunidade de desenvolvemento territorial e socioeconómico, un instrumento dinamizador de oportunidades.

En 2004, a inauguración da Ponte internacional entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira contribuíu de xeito significativo á mellora da calidade de vida das poboacións de ambos concellos, permitindo un acceso máis rápido dun lado a outro. Esta unión tivo un grande impacto e dinamizou a economía local, especialmente o comercio e a restauración, contribuíndo a intensificar e consolidar o desenvolvemento socioeconómico das dúas vilas.

Carta da Amizade

O pasado día 11 de xuño, os concellos de Vila Nova de Cerveira e Tomiño asinaron a Carta da Amizade, reforzando os lazos existentes. O documento define, entre outras consideracións, as prioridades para o desenvolvemento deste territorio común. Ademais, os dous concellos transfronteirizos están a traballar nunha Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño 2014-2020.

Entre novembro e decembro de 2014, foron dinamizados catro grupos de traballo temáticos, que engloban ambiente, recursos naturais e turismo, mobilidade transfronteiriza e desenvolvemento territorial, xestión compartida de servizos públicos, desenvolvemento económico, que promoverán a participación pública, o debate e a reflexión sobre propostas e proxectos de cooperación entre os dous concellos, recollendo suxestións e propostas de proxectos comúns, identificando problemáticas fronteirizas, para contribuír á elaboración dun documento de planeamento estratéxico.

27 de marzo de 2015 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.