publicidade hoxe

Sober considera insuficiente o acondicionamento de catro quilómetros da estrada a Gundivós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, agradécelle á Deputación Provincial del Lugo ter incluído no POS de 2015 as obras de acondicionamento de catro quilómetros da estrada 59-04 que conecta Sober e Gundivós. O rexedor recorda que se trata de obras que xa se tiñan reclamado en numerosas ocasións, tanto por parte do Goberno local como dos usuarios e usuarias atendendo ao mal estado que presenta a vía.

O Goberno local estima que as continuas reclamacións fixeron posible que a Deputación reconsiderase a necesidade de acometer estas obras que, sen dúbida, redundarán en beneficio dos veciños e veciñas de varias parroquias do Concello, así como dos milleiros de visitantes que a diario acoden ao Centro Oleiros de Gundivós, ás adegas da zona ou a outros elementos turísticos destacados da Ribeira Sacra.

Agradecendo a actuación, o Goberno local considera “insuficientes” estes traballos debido ao pésimo estado no que se atopan outras estradas de titularidade provincial de Sober. En concreto, desde o Concello reitérase a necesidade urxente de melloras na vía 59-03, no tramo comprendido entre As Gándaras e Doade, na 59-09 nos accesos a Sampil ou en varios tramos da 59-02 de Canabal a Arxemil por Rosende e Anllo. Fernández Guitián agarda que tamén a Deputación poida acometer estas obras “o antes posible”.

17 de febreiro de 2015 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.