publicidade hoxe

O primeiro centro de día público de Miño porase en marcha ofertando 30 prazas aos seus veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMiño
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha o primeiro centro de día público de Miño que ofertará aos seus veciños e veciñas un total de 30 prazas. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe, acompañada do alcalde, Jesús Veiga, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o edificio onde se está a proxectar o servizo social da localidade. Mato destacou que a Xunta adquiriu o compromiso de asumir o seu mantemento, ao que se achegarán ao ano 330.000 euros.

As instalacións están emprazadas nun antigo edificio que a Fundación Rita Ramos lle cedeu ao Concello para o seu uso como centro de día. A infraestrutura para a atención diúrna ocupará a primeira e segunda planta, mentres que a zona baixa permanecerá como vivenda para monxas. Na reforma deste edificio, a Administración local investiu 428.000 euros e para o seu equipamento 52.000 euros. Na actualidade, estase a tramitar o Permiso de Inicio de Actividade. Previamente á posta en funcionamento, o Concello vai realizar unha serie de actuacións de mellora, como a mellora do acceso peonil. Ademais, estase a estudar a conexión interior da planta baixa e primeiro andar.

O futuro centro de día, ademais, converterase no segundo público da comarca de Betanzos, despois do de Curtis que ofertará 40 prazas. “Estas dúas infraestruturas serán o froito da colaboración do Goberno galego cos concellos”, destacou Mato.

Para rematar, a conselleira resaltou que a futura apertura deste servizo social é “unha proba máis do noso compromiso coa calidade de vida das persoas maiores de Galicia”. Neste senso, lembrou que para cumprir con este obxectivo incrementáronse en máis de 3.100 as prazas en centros para maiores, un 50 por cento máis das que había en 2009. En concreto, só en centros de día, creáronse máis de 1.600 prazas, e só na provincia da Coruña puxéronse en marcha máis do tripo das prazas que había no ano 2009.

9 de febreiro de 2015 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.