publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visita o esteiro do Miño en O Rosal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO RosalPontevedra
A-
A+
Cores Tourís no Rosal

Cores Tourís no Rosal

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o esteiro do Miño en O Rosal para celebrar o Día Mundial dos Humidais.

O delegado territorial estivo acompañado da tenente alcalde de O Rosal, Mari Carmen Alonso, e do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Recordou o delegado territorial que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, organizou para o día de hoxe unha serie de actividades dirixidas especialmente aos escolares galegos para conmemorar o Día Mundial dos Humidais.

“Coas actividades programadas búscase fomentar a sensibilización das persoas acerca da interdependencia da auga e os humidais, indicar medios adecuados para que os diferentes grupos de interesados compartan a auga dunha maneira equitativa e lograr que se comprenda que sen brañas non habería auga. Este son os obxectivos fundamentais do Día Mundial dos Humidais 2015”, explicou Cores Tourís.

O delegado territorial recordou que os humidais son as extensións de marismas, pantanos e turbeiras ou superficies cubertas de augas, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cuxa profundidade en marea baixa non exceda de seis metros.

Galicia contempla 1.131 humidais (70.673,3 ha) repartidos de forma maioritaria entre os sectores litorais, as depresións sedimentarias interiores e as áreas de montaña sublitorais e centrais. O resto do territorio galego e en concreto as áreas montañosas orientais e meridionais presentan unha menor proporción de ecosistemas húmidos, os cales adoitan estar confinados en áreas con características morfolóxicas favorables ao mantemento das achegas hídricas estacionais.

A nivel provincial, Pontevedra alberga un total de 236 humidais (8.088,7 ha.). De feito, o delegado territorial aproveitou para recordar que na provincia de Pontevedra estanse a investir anualmente máis de 2 millóns de euros para a conservación destes espazos naturais, tanto na Rede Natura coma no Parque Natural.

Os humedais inventariados pódense agrupar en catro grandes tipos de humidais:

a) humidais marinos e costeiros: 153 (20.268,2 ha.)
b) humidais continentais: 659 (34.441,4 ha.)
c) humidais subterráneos: 7 (0,6 ha.)
d) humidais artificiais: 312 (15.965,8 ha.)

Tal e como recordou o delegado territorial, o río Miño, no seu tramo final, dende o encoro de Frieira ata a súa desembocadura no océano Atlántico, percorre 76 quilómetros que conforman a subconca internacional do Baixo Miño. Este singular espazo transfronteirizo, acubilla dous espazos naturais protexidos da Rede Natura 2000, un deles precisamente o Esteiro do Miño que hoxe visitou Cores Tourís.

Neste entorno conviven máis de 17 especies autóctonas de peixes como a troita, a reñosa, o gobio ou o escalo, así como numerosas peixes migratorias como o salmón, o reo ou a lamprea.

Na zona do esteiro, nas augas pouco profundas, atópanse importantes pradarías de seba, plantas con flores adaptadas a vivir nas augas salobres que supoñen un refuxio e hábitat idóneo para o desove, a cría e a alimentación de diversos animais, incluídos peixes e robalizas, ademais de crustáceos, moluscos e outros invertebrados. Os carrizais do esteiro do Miño supoñen un importante hábitat de cría para anfibios como a ra verde ou o sapoconcho común. Ademais, tamén viven aquí outros animais como lontras, tartarañas das xunqueiras garzas e aves rapaces.

Humidais para o noso futuro

O 2 de febreiro de cada ano celébrase o Día Mundial dos Humidais para conmemorar a data na que se adoptou a Convención sobre os Humidais, o 2 de febreiro de 1971. Desde 1997, veñen celebrándose actos e actividades encamiñados a aumentar a sensibilización do público en xeral acerca dos valores dos humidais e os beneficios que reportan en xeral e a Convención de Ramsar en concreto.

A cita de 2015 leva por lema Humidais para o noso futuro e céntrase en concienciar á sociedade en que o futuro da humanidade depende dos humidais. Son os grandes reservorios da auga doce, depuran e recargan os nosos acuíferos, proporcionan peixe e cultivos que alimentan a millóns de persoas. A importancia destes enclaves naturais tamén reside no feito de que funcionan como un escudo natural que protexe as costas, actúan como unha esponxa natural contra inundacións e secas e contribúen a protexernos fronte o cambio climático.

Sen embargo, estes beneficios, lamentablemente, non son coñecidos por unha grande cantidade de persoas e os humidais a miúdo se consideran como terreos baldíos, polo que o 64 % deles desapareceron desde 1900.

Programa de actividades

Cada 2 de febreiro desde 1971 celébrase o Día Mundial dos Humidais en conmemoración á data na que se asinou o convenio sobre os humidais, nas ribeiras do Mar Caspio, na cidade iraní de Ramsar. O obxectivo da mesma é que organismos oficiais, organizacións non gobernamentais e os mesmos cidadáns, se unan para protexer os humidais de todo o mundo e se recoñeza o seu valor e importancia.

Para dar a coñecer a importancia dos mesmos, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza preparou unha serie de actividades nos diferentes parques naturais e lagoas de Galicia para incidir na importancia dos mesmos.

Na provincia de Pontevedra, as actividades cos escolares céntrasen no Centro de Interpretación da Natureza da Siradella, no Concello do Grove, onde se realizou unha xornada de portas abertas no que se poderán visualizar vídeos sobre as aves que habitan na Zona de Especial Conservación (ZEC) do Complexo Intermareal Umia-O Grove en horario de 10:00 a 14:00 horas.

2 de febreiro de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.