publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Bota a andar o Entroido de Cobres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilaboa
A-
A+

Como ven sendo tradición cada ano no Concello de Vilaboa, o Entroido de Cobres comeza a súa andadura. Será coa apertura oficial do entroido e a presentación das Madamas e Galáns, que terá lugar o vindeiro sábado 07 a partir das 18h na Casa de Cultura de Riomaior.

Neste acto inaugural, ademais da presentación das Madamas e Galáns, tamén terá lugar a apertura da Mostra Cultural, que este ano contará cunha exposición sobre o entroido dos “Os Xenerais da Ulla”, grazas á colaboración da parroquia de Merza, en Vila de Cruces, que non dubidadaron en facer un préstamo de mterial e traxe. Na Mostra, como ven sendo costume, tamén haberá unha exposición do Entroido de Cobres.

O acto estará presentado polo humorista local Xan Lorenzo e amenizado, ademais de coas Madamas e os Galáns, coas actuacións dos Veteranos do Entroido, das pandereiteiras Adonairare da Asoc. Cultural Barqueiro e o grupo infantil de baile galego Os Borrateiros.

Desde a Concellería de Cultura ofértase tamén un Obradoiro de Disfraces para os máis pequenos. Este terá lugar o xoves 12 ás 18h na Casa de Cultura de Riomaior. Os interesados deberán anotarse no concello antes do martes 10.

O sábado 14, o Entroido de Cobres comeza a súa andadura polas rúas e casas das parroquias de Cobres (San Adrián e Santa Cristina). Durante 4 días, sábado, domingo, luns e martes pola mañá, as Madamas e os Galáns e os demáis personaxes do entroido levarán os seus bailes e pezas musicais aos veciños e veciñas, así como a todos aqueles visitantes.

O martes 17 é o día grande do Entroido de Cobres, xa que se celebra a tradicional Corrida do Galo. Desde as 16h e durante máis de 3 horas sucederánse diferentes actividades de xogos populares e actuacións musicais e de baile no parque de Riomaior (xunto ao colexio). A entrada das Madamas e os Galáns, o Galo na vara, o Galo na charca, a Corrida do Galo, actuación de comparsas, a lectura do pregón do Predicador e a queima do galo.

Os catro días de festa, (sábado, domingo, luns e martes), e grazas á organización da comisión organizadora do Entroido da Asoc. Cultural Cobres, haberá verbena polas noites no recinto de festas situado no parque de Riomaior.

“Animamos a todos que participen desta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, de tanta beleza e tradición e da que temos que sentirnos moi orgullosos”, declarou Tomás Boullosa, concelleiro de Cultura e Mocidade.

5 de febreiro de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.