publicidade hoxe

O goberno galego investirá 186.000 euros na mellora dos camiños rurais en Cabana de Bergantiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabana de Bergantiños
A-
A+
Belén do Campo na visita a Cabana

Belén do Campo na visita a Cabana

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Cabana de Bergantiños para supervisar o resultado das obras de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio realizadas ao longo do 2014 e analizar os proxectos previstos para o presente exercicio a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal que ven desenvolvendo a Consellería do Medio Rural e do Mar e que, este ano, estará cofinanciado pola Deputación da Coruña.

Así, o municipio contou no programa 2013-2014 cunha achega de 76.029 euros, que serviron para acondicionar 15 camiños. Por unha banda, acometeuse a limpeza das marxes e cunetas dos camiños de Canduas-Trasdagra e o que une A Mata e Folgoso, mentres que nos de Trasdagra-Arnela-Ures-Igrexa e A Mata-depósito da auga levouse a cabo rego de imprimación e pavimentáronse con aglomerado asfáltico. Na mesma liña, realizáronse estas labores, así como o selado da capa superficial de rodadura, de varias vías no Regengo, Outrabanda, Braña-Dequente, Cures-Millán, Cundíns-Rieiro, Outeiro-Margarida, Igrexa-Rieiro, Chamiceiras-Carballas, Carballas-Regueiro e A Mata-Bustelo. Por último, mellorouse a capa superficial do camiño Aguarrei-Canduas. En total, arranxáronse máis de 11 quilómetros de pistas de carácter municipal.

O rexedor tamén lle trasladou á delegada territorial o proxecto que elaborou o concello para continuar con estas actuacións nos vindeiros meses, que inclúe o arranxo doutros outros oito camiños municipais, que en total suman 2,7 quilómetros. Así, actuarase no lugar de Cabana, en Cabana-Mato Novo, Denellón, O Bao, Loureiro, Cesullas-Cabana, Semontes e Ures-Fontefría. En virtude do convenio asinado entre Medio Rural e a Deputación no último trimestre do pasado ano, o concello recibirá entre 2014 e 2015 unha achega de 109.898 euros, é dicir, un 45% máis que na convocatoria anterior.

O obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

No seu percorrido pola zona, a representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta, a Deputación e o concello de Cabana de Bergantiños. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á responsable local “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

12 de xaneiro de 2015 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.