publicidade hoxe

O Entroido dos Xenerais comeza en Oza o 1 de febreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Coa proximidade do mes de febreiro chega a hora de fixar no calendario as datas do entroido. E as parroquia teenses xa o fixeron marcando o inicio da celebración dos xenerais da Ulla no 1 de febreiro na parroquia de Oza. Dase a circunstancia de que será o primeiro de todos os Concellos que comparten este tipo de celebración, A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Este ano ademais a parroquia de Vilariño (Teo) volve a celebrar esta festa que facía anos que non realizaba. O presidente da comisión organizadora explica que o último ano no que saíron os xenerais en Vilariño “debeu ser no 2005 ou 2006”. E así, sen fixar con moita seguridade a data do último entroido na parroquia xa preparan con ilusión os deste ano que serán o domingo 22 de febreiro.

Antes comezarase en Oza o domingo 1 de febreiro, unha xornada que rematará co atranque a última hora da tarde no campo da festa de Agoso. Despois de dous anos sen celebralo aquí xa teñen case todo ultimado. Haberá dez persoas a cabalo, coro de bonitos e de vellos e carrozas.

O sábado 7 e o domingo 8 de febreiro celébrase na parroquia de Reis con atranque os dous días ó redor das 19:30 horas. A parroquia de Cacheiras como é tradición sae o sábado 14 e domingo 15, fin de semana de entroido. Ese mesmo sábado, o 14 tamén se celebra na parroquia de Santa María de Teo. O calendario desta ano péchao a parroquia de Bamonde na que se fará o entroido o 1 de marzo.

Concurso de tapas

Nestes días tamén se está ultimando a segunda edición do Concurso de tapas do entroido, unha iniciativa municipal que permitirá degustar petiscos relacionados cos produtos gastronómicos do entroido nos bares e restaurantes de Teo. Celebrarase entre o 6 e o 22 de febreiro.

20 de xaneiro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.