publicidade hoxe

O Concello de Cedeira adxudica as obras de mellora da área recreativa de San Andrés de Teixido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, informou esta mañá da adxudicación dos traballos de acondicionamento e mellora da área recreativa de San Andrés, ubicada na entrada do núcleo de Teixido. Unha actuación orzamentada en 30.000 euros que se financiarán con fondos propios municipais e cun prazo de execución de dous meses. Esta intervención súmase á que está a levar a cabo na actualidade a Axencia de Turismo de Galicia por valor duns 160.000 euros e que permitirá a recuperación de elementos arquitectónicos singulares como os hórreos e fontes; continuar co pintado de fachadas e edificacións anexas; a mellora da accesibilidade ou a homoxeneización dos postos de venda de artesanía.

En opinión do alcalde, unha e outra inversión potenciarán o poder turístico de San Andrés de Teixido, un enclave único en Galicia que cada ano recibe xa a visita de milleiros de romeiros. Nesta liña, o concelleiro de Obras, Alfredo Vilela, explicou que os traballos agora previstos polo Concello contemplan o lixado e barnizado de toda a estructura de madeira do cenador, así como o saneamento de todas aquelas partes que están en mal estado, a limpeza do tellado e a retirada da maleza.

Tamén se procederá á limpeza do tellado dos aseos e á colocación de novas portas de acceso a estes, cortaránse as ramas e limparánse os canalóns e baixantes da construcción. O edil engadiu que se repararán todos os bancos do entorno e instalaráse unha nova mesa de madeira tratada, con bancos a ambos lados do mesmo modelo que os xa ubicados. A estes, sumaránse outros catro bancos. De igual modo, colocaráse unha valla de madeira para delimitar a área recreativa e separala das fincas colindantes e sustituiránse os travesaños das vallas na zona do pinar que se atopen en mal estado. Por último, a intervención completaráse coa dotación de catro novas papeleiras.

26 de xaneiro de 2015 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.