publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio ambiente inviste 370.000 euros na construción do punto limpo de Lobios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobios
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Lobios para a construción dun punto limpo neste municipio da provincia de Ourense.

Esta actuación enmárcanse no desenvolvemento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020 e contará cunha achega económica do Goberno galego de algo máis de 370.000 euros, é dicir, o 100% do importe necesario para a súa construción.

O futuro punto limpo de Lobios permitirá realizar a xestión de residuos sólidos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade.

Entre os obxectivos fundamentais desta infraestrutura, están os de separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente ou a saúde; evitar a vertedura incontrolada de entullos e residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos, e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.

Esta iniciativa estende e reforza a rede de puntos limpos municipais financiados pola Xunta na Comunidade galega, que con estas novas infraestruturas contará con case 150 instalacións, das cales 139 están rematadas e cinco en fase de proxecto, licitación e construción.

Obxectivos

Esta actuación permitirá aos máis de 2.000 habitantes de Lobios realizar o depósito de residuos para a súa posterior separación e clasificación, mellorando a loxística na xestión e posibilitando:

- Evitar a súa vertedura incontrolada e os conseguintes impactos sobre a saúde pública, a paisaxe e o ambiente.

- Facilitar a abaratar os procesos de valorización de residuos (recuperación e reciclaxe), dando cumprimento ás exixencias europeas en materia de xestión de residuos.

- Aproveitar os materiais contidos nos residuos reducindo o consumo de materias primas e recursos naturais.

Situación actual da rede de puntos limpos

A rede deste tipo de infraestruturas que na actualidade existe en Galicia elévase a 139 instalacións de puntos limpos, que dan cobertura e servizo a 223 concellos galegos, é dicir, ao 86,8% da poboación galega.

Desta rede, un total de 27 novos puntos limpos foron construídos desde o ano 2009, e desde outubro de 2012 ata a actualidade executáronse 14 novos puntos limpos: tres na provincia da Coruña (Porto do Son, Fene-Cabanas e Sada); dous na de Lugo (Cervo e Trabada); seis na provincia de Ourense (Pereiro de Aguiar, Castro Caldelas, San Cibrao das Viñas, Vilamartín de Valdeorras, O Carballiño e A Veiga); e, por último, outras tres na de Pontevedra (Vila de Cruces, Mos e Nigrán).

A previsión da Xunta é ampliar esta rede de puntos limpos con cinco instalacións máis, que son os de Frades (cuxo convenio se autorizou a pasada semana no Consello da Xunta), Baralla, Outeiro de Rei, Ponte Caldelas e este de Lobios, que se autorizou hoxe. Nun prazo máis amplo, o novo Plan de xestión de residuos sólidos urbanos prevé que o número de instalacións deste tipo se aproxime ás 300 antes de finais de 2020. O investimento previsto pola Xunta para a creación e xestión de novos puntos limpos, así como o mantemento dos xa existentes, ascende a máis de 21 millóns de euros, cun investimento concreto de 1,6 millóns de euros previsto no ano 2015.

11 de decembro de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.