publicidade hoxe

Industria destina 125.000 euros ao impulso da mellora competitiva do Parque empresarial do Pereiro de Aguiar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pereiro de Aguiar
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria está a colaborar cos concellos na habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos. Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao Polígono Industrial do Pereiro de Aguiar, a través deste programa téñense destinado, nos últimos seis anos, preto de 125.000 euros ao impulso de distintas actuacións no parque empresarial da localidade ourensá que contribuirán á mellora da súa competitividade.

Deste xeito, explicou Bernardo Tahoces, facilitouse o desenvolvemento de distintas actuacións centradas na mellora da vixilancia e seguridade e nas infraestruturas viarias. Así, só neste ano destináronse máis de 75.000 euros á mellora dos accesos ao parque, achegando a Consellería o 80% do custo da actuación.

Neste contexto, o director xeral de Enerxía e Minas resaltou a importancia dunha orde que desde o 2009 ten permitido desenvolver na provincia 50 proxectos que suman preto de 4 millóns impulsando a competitividade do tecido empresarial ourensán.

A través desta liña apóianse diferentes accións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Dáse así un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzaron este ano ata os 120.000 euros.

Así mesmo, e de cara a facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permitiuse o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que desde o 2009 leva destinados preto de 17 millóns de euros a este programa.

Grazas a este esforzo, sinalou Bernardo Tahoces, téñense beneficiado deste programa nos últimos anos 15 concellos diferentes da provincia de Ourense, impulsando melloras nas infraestruturas de distintos parques co obxectivo de atraer investimentos empresariais.

29 de decembro de 2014 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.