publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

‘Falaredes’ visita tres novos concellos co concerto-obradoiro infantil ‘Brinca vai de aquí a acolá!’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArangaGuitirizPalas de Rei
A-
A+

O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegará esta fin de semana a tres novos concellos, nesta ocasión co concerto-obradoiro infantil Brinca vai de aquí a acolá!

Tras a exitosa estrea na vila pontevedresa de Cambados, este sábado esta nova proposta fará parada no municipio coruñés de Aranga, ás 12:00 h no anexo do CEIP A Castellana, e no lucense de Guitiriz, ás 18:30 h na Casa Habanera. Xa o domingo atoparase coa xente miúda de Palas de Rei, tamén na provincia de Lugo, cunha función ás 16:30 h na Casa da Cultura.

Son estas as primeiras citas dunha xira coa que Brinca vai de aquí a acolá! chegará ata finais de ano a 25 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Trátase dun espectáculo no que a música, as cancións, o humor e o enxeño convidan á creatividade e a viaxar ao longo dos doce meses do ano, achegándolle á xente miúda da casa as tradicións, a natureza, os xogos ou as festas populares.

Un concerto-obradoiro no que o actor e músico Paco Nogueiras non tarda en conquistar o público a través dos ritmos dos que bota man, promovendo que os nenos e nenas sigan cantando as cancións mesmo tras finalizar a actividade. Coma sempre en FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Próximas paradas

Tras as funcións desta fin de semana, o Brinca vai de aquí a acolá! visitará proximamente Redondela, Xunqueira de Espadanedo, Viana do Bolo, O Bolo, A Rúa, Cangas, Melón, Arbo, A Laracha, Boiro, Frades, O Vicedo e Melide. Xa en decembro, Paco Nogueiras e o seu característico chapeu farán parada en Viveiro, Boborás, Corcubión, Santa Comba, A Coruña, Ramirás, Bergondo e Forcarei.

Con esta divertida proposta FalaRedes pechará a terceira edición do programa, que ata finais de ano chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de seis actividades con preto de 200 sesións gratuítas. Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística >www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

7 de novembro de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.