publicidade hoxe

A Secretaría Xeral para o Deporte acometerá a reforma das pistas municipais de atletismo de Balaídos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaVigo
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha reunión co Alcalde de Vigo, Abel Caballero, na que lle trasladou a intención da Secretaría Xeral para o Deporte de acometer a reforma das pistas de atletismo de Balaídos. “Balaídos debe entenderse como unha actuación global que, necesariamente, contemple a reforma das pistas municipais de atletismo. Son obras necesarias para Vigo, para a súa área metropolitana e para toda Galicia”, asegurou Lete Lasa.

O titular de Deportes da Xunta quixo remarcar a necesidade da reforma. “Por coherencia coa nosa liña de actuación, porque así o ten requirido o Pleno do Concello mediante a moción trasladada á Secretaría Xeral, e pola xusta demanda do atletismo vigués e galego, presentamos este proxecto realista e acorde coas necesidades do deporte de Vigo e de Galicia. Estamos en disposición de comprometer a dotación suficiente para arranxar esta instalación municipal, na actualidade seriamente deficitaria. A nosa idea é, en distintas fases, abordar as obras dos vestiarios, do almacén e do ximnasio, do módulo e da propia pista, todo iso con máis de 2.000.000 de euros, integramente asuminos por este departamento”, apuntou Lete Lasa.

De realizarse finalmente, as obras de remodelación das pistas de atletismo de Balaídos serían as máis importantes das acometidas integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte nos últimos anos, pero deberá esperarse ao final consentimento do Concello, titular das instalacións.

Este compromiso continúa na liña de actuación do departamento de Deportes da Xunta de Galicia no ámbito das infraestruturas en Vigo, principalmente orientado coas instalacións do deporte de base, como supuxeron os campos de herba artificial da Madroa e o Monte da Mina, actuacións que supuxeron máis de 1.000.000 euros.

29 de outubro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.