publicidade hoxe

A Deputación de Lugo propón converter o Miradoiro de Mondoñedo en albergue de peregrinos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMondoñedo
A-
A+
Lara Méndez na visita a Mondoñedo

Lara Méndez na visita a Mondoñedo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores que o grupo provincial do PSdeG levará ao vindeiro Pleno, previsto para o martes, unha proposta de acordo na que solicita á Xunta de Galicia crear un grupo de traballo co obxectivo de incrementar a capacidade de aloxamento de peregrinos na Mariña, habilitando para elo como albergue público o Miradoiro de Mondoñedo. O organismo provincial, propietario desta edificación de 4.812 metros cadrados de superficie, está disposta a cedela para levar a cabo este proxecto.

Lara Méndez subliñou que se trata dunha iniciativa “necesaria e moi positiva para a Mariña porque o actual albergue de Mondoñedo, con 24 prazas, estase quedando obsoleto e pequeno. Nos pasados meses de xullo e agosto, os peregrinos tiveron que ser desprazados ao polideportivo municipal porque as instalacións estaban saturadas”.

Ademais, converter o Miradoiro nun albergue “serviría para dar un importate pulo ao Camiño de Santiago ao seu paso por esta comarca, contribuíndo a desestacionalización do turismo”, sinalou Méndez. Son preto de 40 quilómetros de ruta entre Ribadeo, Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo que potencian o coñecemento e a activide económica destes Concellos. “Nos primeiros oito meses deste 2014, o Camiño do Norte rexistrou preto de 13.300 peregrinos, converténdose na 3ª ruta que máis viaxeiros recibe, por detrás do Camiño Francés e do Portugués, e tan só no que vai de ano, pasaron case 600 peregrinos polo albergue de Mondoñedo. Iso sen contar os que realizaron o Camiño do Mar, que a Xunta segue sen oficializar”, apuntou a Vicepresidenta Segunda.

A 3ª ruta máis popular

“É a Xunta a que ten a potestade e as competencias para asumir este proxecto, pois a Lei atribúelle a responsabilidade exclusiva de potenciar o Camiño de Santiago e garantir unha rede axeitada de albergues públicos de peregrinos”, explicou Méndez, quen recalcou que “un dos maiores reclamos que posúe Galicia, e que recolle a esencia do turismo da nosa comunidade, é o Camiño de Santiago. Dende o ano 1970 nunca diminuíu o número de  peregrinos, pasando dos 68 en 1970 aos máis de 272.000 en 2010. En 40 anos incrementouse nun 100% o número de viaxeiros”.

A proposta que a Deputación lle fai ao Goberno galego “é un paso máis na nosa firme aposta por impulsar todas as rutas xacobeas que atravesan a provincia, máis de 800 quilómetros; e en especial as da Costa –Camiño do Norte e Camiño do Mar-, con iniciativas como o Surf Camp, a Peregrinación Martítima ou a edición de dous libros e un DVD para divulgar os atractivos deste itinerario”, subliñou a Vicepresidenta, quen tamén recordou a visita de turoperados alemáns á comarca o pasado ano e o firme compromiso da Deputación para oficializar o Camiño do Mar.

Posta en valor do patrimonio lugués

Dándolle un uso público ao Miradoiro de Mondoñedo, a Deputación segue adiante coa posta en valor do seu patrimonio, ao igual que fixo co Hospital de San  José en Lugo, o complexo de Aguasmestas en Quiroga, o pazo monortino de Tor; a gardería do Campus Universitario de Lugo, que o organismo provincial cedeu á asociación Raiolas; ou a recuperación do antigo Hotel Miño como sede da UNED na capital luguesa.

“O que lle pedimos á Xunta é a mesma actitude de colaboración institucional que a Deputación lle está a prestar en actuacións que son de competencia  autonómica”, sentenciou Méndez, como por exemplo, o financiamento conxundo do plan de melloras de camiños municipais, o PEIM, no que a Deputación pasou a achegar este ano, por primeira vez, máis do 10% do orzamento garantindo así a súa execución; a rehabilitacción das pallozas do Piornedo, traballos para os que o organismo provincial aporta o 65% do orzamento, 160.000 euros; os Grupos de Emerxencias Supramunicais (GES), que a institución luguesa financia nun 20%; ou o Consorcio Provincial de Bombeiros, que financia ao 50% Deputación e Xunta.

22 de outubro de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.