publicidade hoxe

Touro inviste 15.000 euros no acondicionamento do Parque Público Diéguez Reboredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O Concello de Touro inviste, con axuda da Deputación da Coruña, un total de 15.000 euros no acondicionamento do novo Parque Público Diéguez Reboredo. O proxecto estará listado no outono. E estará destinado ao goce  de todos os veciños e veciñas do Concello de Touro.

O Parque Público Diéguez Reboredo está situado nunha leira doada pola viúva do ex alcalde da localidade, Ramón Diéguez Reboredo. A propiedade agora pública, está no centro urbano de Fonte Díaz, capital do Concello de Touro, e conta con 8.542 metros cadrados. O parque está moi próximo ao CPI Fonte Díaz, ao Pavillón Municipal de Deportes e tras a sede do Concello de Touro.

A viúva do ex rexedor doou o solar para que este fose destinado “a dotacións, usos e actividades de carácter público”. O Concello de Touro comprometeuse a que esta leira se dedique na súa totalidade e acondicione para un parque recreativo”. O Concello de Touro cumpre agora o seu compromiso, dous anos despois de que se formalizou a cesión. O novo espazo público contará cun peche de pedra natural. Tamén foi eliminada a maleza e agora será acondicionado para goce dos veciños. Contará con árbores, vexetación e bancos. O investimento nesta primeira fase é de 15.000 euros que afronta o Concello de Touro con axuda da Deputación da Coruña. 

O proxecto estará finalizado no outono. A leira, delimitada por un río nun dos seus laterais, ten máis de 8.500 metros cadrados. Nunha segunda fase poderase completar o proxecto de acondicionamento sobre o total da extensión. Actualmente os traballos afectan ao 50% da propiedade doada pola viúva do ex alcalde. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, xa mostrou a súa gratitude, en nome de todos os veciños e veciñas da localidade, cara á viúva de Diéguez Reboredo. “Tratar dun xesto que é de agradecer”, apuntou o rexedor municipal. “A doazón desta propiedade dá mostra do altruísmo e da atención desinteresada polos habitantes de Touro da familia do noso anterior alcalde”. Todos os gastos que orixinou a cesión gratuíta corren a cargo do Concello de Touro.

12 de setembro de 2014 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.