publicidade hoxe

Os centros educativos da comarca de Pontevedra recibiron un investimento de máis de 300.000 euros en reformas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaBarroCampo LameiroCotobadePoioPonte CaldelasPontevedraPontevedraVilaboa
A-
A+
Cores Tourís na visita ao CEIP da Lama

Cores Tourís na visita ao CEIP da Lama

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou o remate dos traballos de mellora realizados no CEIP da Lama, onde recordou a implicación da administración autonómica cos centros educativos da comarca de Pontevedra, onde, entre a capital e os concellos circundantes, investíronse no presente ano máis de 300.000 euros para a reforma e mellora dos colexios.

O delegado territorial estivo acompañado nesta visita polo alcalde do municipio, Jorge Canda, así como polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares e responsables da Unidade Técnica deste departamento autonómico.

Deste xeito, Cores Tourís puido comprobar o remate dos traballos realizados neste colexio de Primaria onde se desenvolveu a reforma da fachada, dos canos interiores e da cuberta, levándose a cabo a limpeza dos caneiros e mellorándose o illamento. “En total, investíronse algo máis de 44.000 euros co obxectivo de atallar os graves problemas de humidades que sufría este centro e que afectaban especialmente aos corredores e aulas do centro”.

O delegado territorial recordou que no presente ano tamén se executaron obras no pavimento do patio do EEI do Bao en Poio onde tamén, en colaboración co concello, executouse a reforma das portas do CEIP de Chancelas, o arranxo de persianas e cristais no CEIP de Lourido, así como no CEIP Isidora Riestra, no CEIP Espedregada e no CEIP Viñas. Tamén se mellorou o CEIP Pedro Antonio Ceviño de Campolameiro.

En relación a cidade do Lérez, o delegado territorial recordou que nos colexios da vila, leváronse a cabo obras nos dinteles da fachada do CEIP Vidal Portela; nos baños do CEIP Cabanas; no saneamento do colexio de Carballeira así como no CEIP Xunqueira I onde se executaron diferentes traballos. En Secundaria, leváronse a cabo obras de mellora na cuberta do Valle Inclán, nas tubaxes do Xunqueira I, así como varias melloras do Xunqueira II. Tamén se reformou a instalación eléctrica do IES Torrente Ballester e se reforzou o muro de peche do Sánchez Cantón, onde, no mes de febreiro leváronse a cabo obras de urxencia neste centro “para atallar os danos causados polos temporais do pasado inverno no tellado”.

Precisamente, neste senso, o delegado territorial recordou que este ano foi necesario poñer en marcha diversas obras de urxencia nos centros da cidade do Lérez para atallar os problemas causados polas fortes choivas do pasado inverno. Así, ademais do instituto Sánchez Cantón, tamén necesitaron traballos de reparación urxente o IES A Xunqueira II, no CEIP A Xunqueira I, o IES Frai Martín Sarmiento, o CEIP San Martiño, o IES Vale Inclán, o CEIP Marcos da Portela, a Escola Oficial de Idiomas e o IES Luis Seoane. “En total, destinamos 100.000 euros a estas obras de emerxencia”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra matizou que nos últimos anos, tanto en Primaria como en Secundaria, investíronse nos centros educativos da cidade do Lérez e dos concellos pertencentes a esta comarca case 4 millóns de euros en diversas obras de mellora dos centros, tanto para obras de reforma das infraestruturas como en reparación de instalacións de fontanería, saneamento, electricidade ou na execución de novos comedores escolares e bibliotecas.

Cores Tourís tamén lembrou que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e máis de 800.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns trescentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís. Isto unido a colaboración por parte dos concellos, fai que a cifra ascenda aos tres millóns de euros.

8 de setembro de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.