publicidade hoxe

O presidente da Deputación visita as obras da Avenida Concepción Arenal en Moaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+
Louzán na visita ás obras de Moaña

Louzán na visita ás obras de Moaña

O presidente da Deputación de Pontevedra visitou hoxe as obras de pavimentación e mellora da sinalización da avenida Concepción Arenal, en Moaña, nas que, polo procedemento de urxencia, a institución provincial investiu 242.000 euros.

As obras consistiron en reforzar o firme da estrada, para o que se procedeu ao fresado da actual capa de rodadura para substituíla por unha nova, a base de aglomerado en quente e cun rego de adherencia. Así mesmo, procedeuse á sinalización da vía para mellorar a súa seguridade.

A actuación permitirá que o vial se atope en perfectas condicións o vindeiro 12 de setembro, cando pase por ela o pelotón da Volta Ciclista a España que terá a súa meta en Cangas e cruzará o centro de Moaña en torno ás 17,15 horas.

Esta actuación, súmase a que se vai realizar na rúa Ramón Cabanillas, á que a Deputación destina preto de 200.000 euros para a mellora da capa de rodadura e a sinalización deste vial.

Louzán destacou que a actuación en Concepción Arenal era unha prioridade, longamente demandada polos veciños, que permitirá visualizar unha espléndida vista da fachada marítima de Moaña. Indicou que os 8 pasos elevados da estrada instalaranse despois do paso da Volta e colocaranse outros 2 máis fronte ao Porto.

No caso da rúa Ramón Cabanillas, o presidente provincial afirmou que se trataba dunha estrada transferida ao concello que, coa colaboración da Deputación, acometerá unha reforma integral dela que estará rematada antes de fin de ano.

Tanto Louzán como o alcalde Fervenza subliñaron a colaboración veciñal e agradeceron a comprensión deles polas molestias causadas para acometer as obras.

Beirarrúas de Coiro

Na súa visita a Moaña, Louzán anunciou tamén que os traballos de dotación de beirarrúas e mellora da estrada de Coiro, en Cangas, serán adxudicados a vindeira semana. Estas obras teñen un presuposto de 1,2 millóns de euros e ao concurso público de licitación concurriron 27 empresas. Destacou que as beirarrúas na estrada provincial de Coiro poden ser adxudicadas agora pola colaboración veciñal na cesión dos terreos.

A preguntas dos xornalistas, anunciou tamén que o congreso local do Partido Popular de Bueu terá lugar este ano.

4 de setembro de 2014 | 10:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.