publicidade hoxe

Despois de 50 anos os veciños de Begonte recuperan os casetos do campo da feira de Gaibor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteLugo
A-
A+

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, supervisou hoxe as obras de rehabilitación dos casetos do campo da feira de Gaibor, no Concello de Begonte, que levaban deteriorándose máis de 50 anos, e cuxo acondicionamento foi posible finalmente grazas á financiación íntegra do organismo provincial. As actuacións levadas a cabo consistiron en melloras nas cubertas; a construción dun peche para a caseta de bombas de auga; a reposición da carpintería exterior, así como a drenaxe de todo o perímetro desta edificación, destinada en tempos para a venda de produtos durante a feira da localidade. A Deputación de Lugo fixo unha achega por valor de 21.897 euros para acometer unhas melloras das que benefician ós máis de 3.200 veciños do Concello de Begonte.

Durante a visita, Polín destacou que “mellorar as dotacións do rural é un dos piares básicos de actuación da Deputación. Este tipo de actividades consolidan o compromiso que ten o organismo provincial cos 67 Concellos da provincia”.

A Asociación de Veciños de Barrazoso, formada por máis de 170 membros, solicitou á Deputación estas actuacións a través do Plan de Comunidades Veciñais. Estes veciños apostaron así por arranxar a contorna desta parroquia de Begonte e proporcionar a todos os veciños do Concello novos espazos sociais que, neste caso, serán usados con fins etnográficos e culturais.

Compromiso cos veciños de Begonte

A Deputación, dentro da súa aposta polo rural, levou a cabo diferentes actuacións no Concello de Begonte durante os últimos anos. Estas actuacións foron financiadas grazas a programas como o Plan de Comunidades Veciñais, co que os veciños deste municipio recibiron axudas por valor de 89.600 euros, que foron destinadas a melloras de locais sociais, a instalacións de parques biosaúdables e accesos a fincas, entre outros. O Plan de Obras e Servizos é outro destes programas, co que o organismo lugués investiu 47.500 euros. A institución provincial tamén mellorou o Club Fluvial investindo 40.000 euros. Do mesmo xeito, a Deputación, destinou 27.000 euros a axudas ó medio rural e preto de 4.300 á axuda no fogar.

15 de setembro de 2014 | 10:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.