publicidade hoxe

Comeza no Grove o obradoiro de emprego “Monte das Flores V”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+
Cores Tourís no Grove

Cores Tourís no Grove

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do obradoiro de emprego “Monte das Flores V” de O Grove, acompañado do alcalde da localidade, Miguel Pérez.

O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta está a investir 169.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 19 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e en Deseño de Produtos Gráficos: un director, una titora, unha administrativa e tres monitores.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Non podemos esquecer ademais”, engadiu Cores Tourís, “que en total son 25 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos titores e monitores dos dous cursos. Destacou o delegado territorial o feito de que no proceso selectivo contaron con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos. En Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio formaranse 8 alumnos e en Deseño Gráfico outros 11.

O alumnado traballará durante os próximos seis meses tanto atendendo sociosanitariamente a persoas residentes neste concello como executando servizos de deseño en distintos soportes, incluído multimedia, de materiais gráficos para o concello de O Grove.

Cores Tourís, aproveitou a visita ao obradoiro de O Grove para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

Pola súa banda, o alcalde de O Grove, Miguel Pérez agradeceu a visita do delegado territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto que permite formar a desempregados do municipio durante 6 meses e finalmente, formalos para poder optar a un posto de emprego no futuro”.

Finalmente, o delegado territorial recordou que obradoiros como o de O Grove estanse a desenrolar en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na provincia de Pontevedra, investiranse 2 millóns de euros para a posta en marcha destes cursos de formación que beneficiarán a 242 persoas en 12 obradoiros de 22 concellos que poderán contar cun emprego nun momento de crise como o que estamos a vivir”.
De feito, no caso da comarca de O Salnés, serán 4 os obradoiros a desenvolver nos próximos meses: Cambados, Mancomunidade de O Salnés, O Grove e Vilagarcía de Arousa. “En total, investiranse 750.000 euros para a posta en marcha destes obradoiros de emprego que beneficiarán a máis de 100 persoas entre alumnos e monitores”, rematou José Manuel Cores Tourís.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar pon en marcha estes días un total de 53 obradoiros, que contarán cun investimento de preto de 10 millóns de euros e un número total de participantes que roldará os 1.300.

30 de setembro de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.