publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Benestar Social de Ortigueira reforza o servizo de teleasistencia entre os anciáns orteganos que vivan sós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O goberno de Rafael Girón impulsará nas próximas semanas unha nova campaña de información entre a poboación maior do municipio co obxectivo de ampliar no municipio o uso de terminais de teleasistencia. A convocatoria está dirixida especificamente a anciáns non dependentes que vivan sós. Na actualidade, dispoñen do servizo unha trintena de veciños/as da localidade.

O departamento municipal pretende dar un novo impulso ao uso do dispositivo técnico entre o sector poboacional de máis idade, especialmente octoxenarios, por tratarse do grupo de idade máis susceptible de sufrir problemas.

A nova convocatoria está directamente destinada a maiores de 65 que non teñan o recoñecemento nin valoración de dependencia pero que igualmente queiran beneficiarse do servizo, coa seguridade e tranquilidade que achega ás persoas usuarias. Terán prioridade os casos de veciños/as vivan sós, aqueles que non teñan compañía gran parte do día e quen vivan con familiares de idade avanzada.

A teleasistencia permite aos usuarios, en todo momento e ante calquera situación de emerxencia, entrar en contacto telefónico- só accionando un botón (pulseira ou medallón)- co Centro de Atención. A chamada é atendida por unha persoa formada especificamente que, en caso de necesidade, mobilizará os recursos precisos para liquidar o problema. Habería que engadir ademais unha función preventiva, centrada en interesarse e dar compañía ao usuario.

Desde a Concellaría de Benestar Social explican que se trata de aproveitar a tramitación de novas altas dentro do Programa provincial de teleasistencia. A iniciativa favorecerá a permanencia na contorna familiar destes anciáns con mellor calidade de vida.

 

15 de setembro de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.