publicidade hoxe

A Aula CeMIT ofrece varios cursos orientados á mellora do emprendemento e da empregabilidade en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O próximo 22 de setembro arranca a iniciativa Faite Dixit@l, impulsada pola Amtega e Academia Postal. Son varios cursos gratuítos para favorecer a empregabilidade e o emprendemento a través da adquisición de novas competencias dixitais, como poden ser a programación para móbiles, a marca persoal en liña ou a mercadotecnia en redes sociais. As inscricións para calquera dos cursos poden facerse na Aula CeMIT -onde tamén se impartirán as clases a través de videoconferencia-, a través da web da aula ou enviando un correo electrónico a cemit.sansadurnino@xunta.es. Canda estas actividades, a aula e o departamento de Igualdade continúan co proxecto “A memoria das mulleres de San Sadurniño” no que estes días participan 40 mulleres convertidas en fotógrafas-retratistas do territorio. 

O itinerario ofrece como actividades os seguintes bloques temáticos: configuración de dispositivos móbiles e programación de aplicacións, ferramentas web 2.0 para o desenvolvemento de contidos especializados no eido da Sociedade da Información e estratexias de márketing online orientadas ao comercio electrónico.

Cada actividade terá unha duración de entre 25 e 30 horas, repartidas en sesións diarias de 4 horas e difundidas a través do sistema de videoconferencia. Ademais, ofrécense actividades complementarias como seminarios de expertos, presentacións creativas sobre experiencias no eido das TIC, presentación de casos de éxito ou seminarios de mentores dixitais. Tamén se convoca un concurso de aplicacións móbiles cun prazo de presentación de candidaturas que abre o próximo 6 de outubro.

Os cursos prolongaranse ata o comezo de 2015 e case todos serán pola tarde agás un, o de Programación para dispositivos móbiles que comeza o 22 de setembro e remata o 2 de outubro en horario de 10 a 14 horas. Entre o 6 e o 14 de outubro ofrecerase o curso de Configuración de dispositivos e uso de aplicacións móbiles. Este será xa pola tarde -de 16 a 20 horas- e será necesario levar un móbil con sistema operativo Android e conexión a internet. Nas tardes do 29 de outubro ao 6 de novembro desenvolverase o curso sobre como crear unha marca persoal en internet -a coñecida como personal branding– como base de calquera estratexia de mercadotecnia na rede. 

A oferta formativa tamén se ocupará das redes sociais e doutras materias que cómpre coñecer para aproveitar o potencial de internet para compartir, aprender, ensinar ou colaborar en proxectos de forma remota. O curso de Redes sociais durará do 10 ao 18 de novembro, o de Ferramentas web -e-learning, networking, blogs, wikis, moodle…- desenvolverase do 19 ao 27 de novembro e, por último, o de Identidade dixital e administración electrónica xa será entre o 12 e o 22 de xaneiro. Todos eles teñen o mesmo horario, de 16.00 a 20.00h e o mesmo sitio, a Aula CeMIT do Concello, situada no primeiro andar da Casa da Cultura.

Para inscribirse en calquera destas actividades ou solicitar máis información pódese chamar ao 616 016 793, enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es ou darse de alta directamente na web desta aula dependente da Xunta de Galicia.

Novas retratistas

En paralelo á preparación dos cursos, a aula segue colaborando co departamento de Igualdade no proxecto “A memoria das mulleres de San Sadurniño”. Trátase dunha proposta iniciada no mes de marzo como complemento dos obradoiros de memoria activa que se desenvolveron nas distintas parroquias do territorio. Ademais de facer exercicios para manter esperto o cerebro, ás persoas participantes -case todas mulleres- propúxoselles reconstruír a memoria viva do municipio a través dos seus recordos e vivencias.

Tralo parón das vacacións, arredor de 40 mulleres de Ferreira, Naraío, Santa Mariña, Bardaos e San Sadurniño están aprendendo a sacar fotografías que despois incorporarán ao proxecto. Moitas delas nunca sacaran unha foto e, segundo comenta a alfabetizadora dixital Carmen Suárez, “supuxo para elas unha experiencia moi emocionante comprobar o sinxelo que é empregar as cámaras e captar as imaxes”.

O obradoiro durará todo o mes de setembro. Ademais, os días 16 e 17 e os días 29 e 30 o fotógrafo Gabriel Tizón impartiralles unha charla sobre como mirar a través da cámara agora que xa van sabendo manexala. Os consellos de Tizón -fotógrafo ferrolán de renome e longa traxectoria- serviranlles para reflectir cunha ollada distinta aqueles lugares da memoria de cada parroquia.

No mes de marzo o departamento de Igualdade e a Rede CeMIT teñen previsto facer unha exposición coas fotografías. 

16 de setembro de 2014 | 10:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.