publicidade hoxe

San Sadurniño ten previsto abrir a súa escola infantil este mesmo ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

A empresa Gonnaba Construcciones y Reformas SLL rematou hai escasos días as obras de acondicionamento da escola infantil municipal, nas que o Concello de San Sadurniño investiu 108.000 euros con colaboración provincial. O recinto está listo e só lle falta o mobiliario -para o que a administración local xa anda mirando orzamentos- e, sobre todo, un equipo que a xestione. A escola terá capacidade para 40 nenos e nenas e o goberno local mantén a previsión de que poida abrir este mesmo ano, de aí que xa se teñan case a punto as bases polas que se rexerá a adxudicación do servizo.

O recinto ten unha superficie útil próxima aos 200 metros cadrados divididos en tres grandes aulas -unha para os bebés de 0 a 1 ano, outra para os cativiños de 1 a 2 e unha terceira para os nenos e nenas de 2 a 3 anos- e con espazos de servizo e para o profesorado. Ademais tamén dispón dun patio exterior de xogos duns 250 metros cadrados comunicado coa zona de aprendizaxe e lindeiro cos xardíns municipais.

O servizo atenderá a demanda de San Sadurniño, pero tamén a de zonas limítrofes. Así o reflicte a enquisa en liña publicada hai catro meses polo Concello e os datos recollidos polo departamento de Igualdade entre quen se achegou ao Concello para se interesar polo proxecto. A información dispoñible ata o momento indica que a metade dos nenos e nenas usuarias serían do municipio, mentres que outro 21 por cento empregaríano cativos provenientes de Moeche, un 15 por cento de Narón e mesmo habería familias de Ferrol e As Somozas que botarían man da escola infantil de San Sadurniño. A enquisa tamén revela que os horarios preferentes para os pais e nais serían entre as 9 e as 13-14 horas, que case a metade desexaría servizo de almorzo e que algo máis do 30 por cento tamén empregaría o de xantar.

Porén, antes de que bote a andar a escola hai que equipala, obter a autorización da Xunta para abrila e, ademais, ter quen a xestione tecnicamente. O Concello prevé investir en mobiliario arredor de 10.000 euros. Serán elementos básicos como cadeiras, mesas e outros enseres que se mercarán dentro duns días. No tocante aos permisos necesarios, desde a administración local agárdase unha resposta favorable por parte da Consellería de Traballo e Benestar, que xa validou o proxecto e á que lle compete agora revisar que todo estea correcto para autorizar a apertura. 

En paralelo o Concello deberá publicar as bases para adxudicar a xestión do centro. O borrador no que se traballa recolle as condicións que deberá asumir a adxudicataria, como poden ser os prezos máximos que poderá cobrar polo servizo, os criterios de calidade para a súa prestación, o proxecto educativo que deberá desenvolver e a aceptación de mecanismos de coordinación e supervisión por parte do departamento municipal de Igualdade. 

Unha vez máis, as previsións municipais apuntan a que o concurso poida convocarse a finais do verán e estar resolto no outono para cumprir co obxectivo de que a escola infantil municipal de San Sadurniño estea aberta o antes posible este mesmo ano.

13 de agosto de 2014 | 11:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.