publicidade hoxe

A Semana Cultural achega a Oroso unha vintena de actividades para todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOroso
A-
A+

A Semana Cultural do Concello de Oroso ofrecerá preto dunha vintena de actividades para todos os públicos entre o 19 e o 31 de agosto. A oferta programada incorpora contacontos, actuacións musicais, teatro, excursións, maxia, monicreques, acrobacias, clown, xogos, cursiños e obradoiros. A maior parte das propostas, dirixidas a todos os públicos, son gratuítas.

O ciclo de actividades comeza o martes 19 de agosto cunha excursión ao parque acuático de Cerceda, na que poden participar os maiores de oitos anos que estean empadroados no municipio de Oroso. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición, no centro cultural, péchase o 18 de agosto.

Ao día seguinte, o mércores 20, está previsto un obradoiro de elaboración dun conto no Centro Cultural de Sigüeiro. Trátase dunha actividade para nenos e nenas de entre seis e nove anos impartida polo Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes, que de xeito lúdico inicia os participantes na lingua e na literatura galegas. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición remata o 18 de agosto.

Esa mesma xornada, a partir das 19:30 horas, terá lugar no exterior da piscina municipal o espectáculo ‘Residuo’ de Pistacatro. Trátase dunha actuación de clown e malabares sobre a reciclaxe, dirixido a un público familiar.

O xoves 21 de agosto, entre as 11 e as 14 horas na Praza de Isaac Díaz Pardo, celébrase unha xornada de grandes xogos e xogos tradicionais para maiores de catro anos. E ás 20:30 horas o Centro Cultural servirá de escenario para o espectáculo teatral ‘Paco Jones detective privado’, da Asociación Cultural Charamela (Melide) e para todos os públicos.

O venres 22, entre as 11 e as 13 horas, será o momento dos ‘Contiños para compartir’, sesións de contacontos para nenos e nenas de entre tres e dez anos nas que se fomenta a igualdade de xénero a través da lectura de contos e a posterior reflexión sobre o tema. As prazas son limitadas e o a inscrición péchase o 18 de agosto no centro cultural.

Na tarde dese mesmo venres, entre as catro e as sete, estarán instalados xogos inchables na piscina municipal, nunha xeira lúdica para maiores de catro anos. E despois, a partir das sete da tarde, comezará a Festa da Escuma, tamén na piscina municipal e para maiores de catro anos. O día concluirá coa actuación dos combos da Aula de Música de Oroso, no exterior da piscina municipal a partir das oito do serán.

O luns 25 comezará o obradoiro de decoración de cupcakes e galletas, que rematará o venres 29. Os nenos e nenas maiores de dez anos participarán nun grupo (de 10 a 11 horas) e os de cinco a nove anos noutro (de 12 a 13 horas). Esta actividade admite inscricións ata o 20 de agosto no Centro Cultural. O seu prezo é de 40 euros para nenos e nenas empadroados e de 45 euros para non empadroados en Oroso. Este custo inclúe o material preciso para o curso. Nas inscricións outorgaráselles preferencia aos empradroados no municipio.

Na tarde do luns 25, ás 19:30 horas, o Circo Chosco ofrecerá o seu número de acrobacias aéreas ‘Chosco Voando’ no exterior da piscina municipal, aberto á asistencia de todo tipo de públicos.

O martes 26, tamén ás 19:30 horas, os monicreques de Trompicallo traen o espectáculo ‘Jiñol’ ao exterior da piscina municipal. É unha representación apta para todos os públicos. O mércores 27, chega o teatro infantil ao exterior da piscina, coa representación de ‘Bon Appetit’ por parte de Ghazafellos. A maxia abrirase paso na Semana Cultural na tarde do xoves 28 (19:30 horas), con Cayetano Lledó e o seu número ‘O peregrino máxico’, tamén no exterior da piscina e para todos os públicos.

A xornada de clausura, o venres 29 de agosto, contará cunha tripla oferta. Entre as 17 e as 19 horas, desenvolverase o obradoiro de maquillaxe, con recollida de tíckets gratuítos na piscina municipal de 17 a 18 horas. Ás 19:30 horas comezará o espectáculo de monicreques ‘La noche de los monstruitos’ no exterior da piscina. E a partir das 21 horas, actuarán o Grupo Alborada, a Asociación Cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso e A Misela (Noia) na Alameda de Góis.

Todas as actividades previstas no exterior da piscina serán trasladadas ao centro cultural en caso de que a situación meteorolóxica o aconselle. O Concello lémbralles a todas as persoas que queiran obter información máis detallada sobre a Semana Cultural que poden chamar ao 981 69 09 03.

14 de agosto de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.