publicidade hoxe

Urbaser asegura manter contactos coa representación sindical en Lugo mentres os traballadores o negan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+
Europa Press

O voceiro da empresa concesionaria do servizo da limpeza en Lugo, Urbaser, Benito García, asegurou que a empresa “mantén contactos coa representación sindical” e que “así estivo acontecendo durante toda a semana máis alá que algunha parte o negue”.

Con todo, García expresou que na sinatura están “un pouco menos animados” do que podían estar en xornadas anteriores para retomar os contactos tras 39 días de folga do servizo de recollida do lixo na cidade amurallada.

“Por razóns obvias estas conversacións mantéñense no plano da discreción. Parece que se busca con algunha media verdade, non sei se un novo bloqueo no proceso de negociación”, afirmou en referencia ao comité de empresa.

O voceiro empresarial admitiu que “os limites que ten a empresa están dentro do que equivalería aos servizos mínimos que o comité de folga se nega a prestar” e apuntou que se cumpriron “dous días dos 38 que van transcorridos”.

E é que o que fai Urbaser é “completar con persoal traído doutras instalacións da empresa de distintos puntos da península o número de persoas que deberían desta prestando eses servizos mínimos”.

POSTURA DO COMITÉ

Pola súa parte, dende o comité, o seu secretario Julio Pacio nega que se produciran eses contactos. “O certo é que teñen un contacto raro ou un teléfono equivocado porqué loxicamente nós non temos contacto con ninguén, nin con nada”, esgrimía.

Fronte a iso, censurou que o que busca a empresa “é alongar este conflito” e considerou que “non debeu de chegar o momento que din tanto concello como empresa do día de reunión de fin de conflito, porqué dende logo a estas horas non temos nin idea de nada”.

Ademais, anunciou que os traballadores levarán a cabo mobilizacións esta fin de semana, na que acudirán a un congreso que celebra o PSOE provincial o Hotel Torre de Núñez.

18 de xullo de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.