publicidade hoxe

Ponte Caldelas aproba a construción da Edar de Buchabad dentro do plan provincial de obras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ponte Caldelas aprobou o proxecto da construción da EDAR de Buchabad e a súa inclusión no novo Plan de Obras que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra para os municipios da provincia. A construción desta depuradora suporá un investimento público de 75.752 euros.

Tamén se procedeu a pasada semana a realizar a acta de ocupación da parcela no expediente expropiatorio coa propietaria da parcela onde irá situada a depuradora. Nese mesmo acto, abonóuselle a cantidade fixada polo técnico municipal como valoración pola superficie expropiada, polo que o Concello de Ponte Caldelas xa dispón dos terreos necesarios para a súa localización e que permitirá pór en funcionamento o servizo de rede de sumidoiros neste núcleo de poboación.

Cabe lembrar que en virtude dun convenio coa Comunidade de Montes de Buchabad esta xa ingresou nas arcas municipais o prezo finalmente pagado á propietaria da parcela para poder situar a depuradora contemplada no proxecto técnico. Trátase dunha parcela de 1.000 metros cadrados, incluíndo 68 metros lineais de muro. Despois de todos os estudos realizados polos técnicos municipais e polos técnicos de Augas de Galicia, considerouse que a parcela elixida era a única que se adaptaba á instalación da EDAR, tanto polas súas características como pola súa situación e accesos. Outras parcelas propostas na zona tiñan varios problemas para albergar a depuradora, posto que se trataba de zonas moito máis húmidas e que carecían de acceso suficiente para camións, necesario tanto para a súa construción como para o seu mantemento.

Entre os anos 2008 e 2010 o Concello de Ponte Caldelas leva xa investidos na construción da rede de sumidoiros de Buchabad uns 250.000 euros. A pesar de ter completadas estas obras, para a posta en funcionamento do servizo, faltaba a construción da EDAR na zona elixida polo proxecto técnico, que se viu atrasado pola falta de acordo coa propietaria dos terreos, a pesar dos intentos realizados pola directiva da Comunidade Veciñal coa propietaria. Agora con esta expropiación dáse por emendado o problema.

O alcalde de Ponte Caldelas prevé que, unha vez incluída esta obra no Plan de Investimentos da Deputación se poida contratar despois do verán e a finais de 2014 ou principios de 2015 o núcleo de Buchabad poida contar xa co servizo a rede de sumidoiros.

Nestes momentos, no núcleo rural de Buchabad están instalados os colectores para o saneamento de fecais desde o 2010, actualmente sen uso, pois para o seu correcto funcionamento era necesaria a colocación e posta en servizo da EDAR de aí a urxencia de instruír o expediente de expropiación forzosa que agora se concluíu. O investimento total no saneamento de Buchabad superará os 310.000 euros.

22 de xullo de 2014 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.