publicidade hoxe

O Concello de Culleredo converte ao Burgo, Vilaboa e Celas en ximnasios de verán ao aire libre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

A chegada do bo tempo leva ao Concello de Culleredo a converter espazos públicos en escenarios de ximnasia ao aire libre. Trátase da iniciativa “Verán movidiño”, que propón a Concellaría de Sanidade, tanto aos mozos como aos maiores, para promover o exercicio físico entre a cidadanía.

En concreto, son tres os escenarios da actividade, tratando de achegala á maior parte dos veciños:

· O Burgo, no paseo marítimo. Os sábados de 11.00 a 12.00 horas.

· Celas, no parque da torre. Os mércores de 19.00 a 20.00 horas.

· Vilaboa, en Vila Melania. Os venres de 11.00 a 12.00 horas

No Burgo e Celas acaba de comezar xa o “Verán movidiño”. En Vilaboa iniciarase no mes de agosto. No tres casos prolongarase até o final de setembro.

A actividade componse de diferentes modalidades de exercicios: ximnasia, paseos, sendeirismo, xogos, e mesmo o uso de aparellos dos parques biosaludables. A música non falta para animar aos participantes a seguir o ritmo dos monitores e, de paso, chamar a atención dos paseantes.

E é que o programa é totalmente aberto e gratuíto. E calquera que pase pola zona pode animarse a incorporarse á actividade no momento.

A concelleira de Sanidade, Penélope López, explica que a iniciativa persegue “incentivar aos veciños de todas as idades a levar un verán activo e saudable”. A edila destaca o verán como unha época “ideal” para iniciar a práctica de exercicio e adquirir así un hábito “moi necesario e saudable”.

14 de xullo de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.