publicidade hoxe

O audiovisual galego analiza no curso de extensión universitaria de Celanova os 25 anos desta industria cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaOurense
A-
A+

Na Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a presentación do XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, enmarcado nos cursos de extensión universitaria do Campus de Ourense, que terá lugar entre os días 15 ao 18 de xullo en Celanova. A vila de San Rosendo convértese así no referente audiovisual de Galicia cun curso que acada este ano a súa 11ª edición e que analizará 25 anos do audiovisual galego, coincidindo co aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes de ficción galegas: Sempre Xonxa, Continental e Urxa, de 1989, que marcaron o despegue da industria audiovisual en Galicia.

Ademais, paralelamente ao curso, un ano máis desenvolverase o taller audiovisual “Celanova, plató de ficción”, coordinado por Paulino Pérez Feijoo, que este ano gravará unha webserie de tres capítulos, coa participación de 11 alumnos e 5 actores da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, que amosará a arte, a historia e as lendas de Celanova, todo elo nun ton de suspense e intriga.

O curso, organizado pola Fundación “Carlos Casares” e que conta co financiamento da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo e o Concello de Celanova, foi presentado hoxe no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o presidente da Fundación “Carlos Casares”, Javier Casares; o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández, e o director do taller “Celanova plató de ficción”, Paulino Pérez.

Directores, actores, produtores, guionistas e representantes institucionais abordarán durante catro días no Auditorio Municipal “Ilduara” a situación actual do sector audiovisual na nosa comunidade. Rosendo Fernández dixo na presentación que Celanova sempre destacou pola súa tradición e riqueza cultural “e agora, un ano máis, convértese no centro do audiovisual galego durante estes días, acollendo un curso que por calidade e interese dos temas, é, sen dúbidas, unha plataforma innovadora para poñer en valor as ideas dos novos creadores do noso audiovisual”.

Os obxectivos do curso son, por unha banda, dar oportunidade aos creadores para presentar e debater co público ao redor da súa obra, e, por outra, contribuír á visibilidade do cine propio. O curso reforza o seu valor co engadido de estar dirixido con preferencia á comunidade universitaria con afán formativo e divulgativo, pero, ao tempo, ao cidadán interesando por coñecer o estado actual do audiovisual producido ou coproducido dende Galicia.

Segundo os organizadores, para esta edición optouse por un programa “que ofrece pluralidade de formatos con estreas de longametraxes, documentais, webseries e TV movies, no único foro de reflexión anual que ten lugar en Galicia sobre o noso audiovisual”, explicou Miguel Anxo Fernández. Catro xornadas para reflexionar sobre o audiovisual galego e sobre o labor que realizan creadores, empresas e institucións co fin de consolidar a potencia creadora e a identidade do noso audiovisual e “para reafirmar o noso cinema como singular e diferente”.

O curso fai un percorrido da nosa industria audiovisual no cuarto de século que vai dende as primeiras longametraxes galegas ata hoxe, e amosa un presente que, malia todo, permite ser moderadamente optimistas, en opinión dos organizadores, pois hai creadores e propoñen produtos de calidade.

Proxeccións, mesas de debate, relatorios e talleres conforman o programa do curso no que todos os colectivos implicados no audiovisual de Galicia terán voz para achegar as súas propostas, como así acontece dende 2004 –data da primeira edición do curso-, dez anos nos que máis de 100 profesionais participaron en Celanova neste evento formativo.

9 de xullo de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.