publicidade hoxe

O 80% de Coruña Smart City estará en funcionamento a comezos de 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Tenente de Alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, anunciou a adxudicación de 10 dos 14 proxectos piloto de Coruña Smart City, que tivo lugar na reunión do Consello de Administración de EMALCSA, celebrada esta mañá, e que conforman a segunda fase de Coruña Smart City. “O 80% do proxecto queda así practicamente adxudicado, co obxectivo de que estean en funcionamento no primeiro trimestre de 2015. Dos 4 proxectos piloto restantes, nas próximas semanas, dúas licitaranse e dúas adxudicaranse”, destacou Fernández Prado.

O responsable de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informou de que ás licitacións presentáronse un total de 43 ofertas de empresas locais e nacionais e que o investimento ascende a máis de 3 millóns de euros. Os proxectos aprobados esta mañá son os seguintes:

– Sistema de información de eventos multicanal. É un portal que permitirá aos coruñeses, vía online, coñecer a oferta de lecer, cultura e deportes. É, ademais, unha plataforma para a interacción entre cidadáns e asociacións culturais. Presentáronse catro ofertas e o prezo de adxudicación é de 85.500 euros.

– Sistema de visitas guiadas con realidade aumentada. Presentáronse 11 ofertas e foi adxudicado por 181.137 euros.

– Sistema de control de calidade do aire e control de ruído. Adxudicouse por 121.000 euros.

– Sistema de telecontrol de rega intelixente de parques e xardíns, presentáronse dúas ofertas e foi adxudicado por de 153.357 euros. Poderase controlar a rega intelixente de 10 parques da cidade.

– Plataforma de administración electrónica. Presentáronse tres ofertas e adxudicouse por 943,800 euros. Creará a sede electrónica e permitirá as xestións online de ducias de procedementos; e con ela poderase, ademais, materializar a ordenanza aprobada inicialmente no pleno de onte.

– Sistema de telexestión de contadores de auga e gas. Presentáronse tres ofertas e foi adxudicado por un importe de 191.000 euros.

– Sistema de telexestión de redes de abastecemento e saneamento. Presentáronse dúas ofertas e foi adxudicado por 738.585 euros. “Dáselle un último paso á xestión da rede municipal. Permitirá coñecer toda a infraestrutura, grazas ao GIS e a este sistema de telexestión”, explicou Fernández Prado, quen informou de que A Coruña intercambiará experiencias e ideas cun proxecto semellante que ten O Porto.

– Sistema de control seguimento e alerta da calidade da auga. Presentáronse cinco ofertas e foi adxudicado por 272.317 euros.

– Sistema de parking Intelixente. Presentáronse oito ofertas e adxudicouse por un importe total de 179.170 euros. Ademais dos tres aparcadoiros de concesión municipal, incorpóranse 6 máis. Permitirá ver o sistema de rotación de prazas a través dos dispositivos.

– Sistema de monitorización de eficiencia enerxética en edificios públicos. Presentáronse catro ofertas e foi adxudicado por un total de 246.960 euros.

O Concelleiro Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado destacou que os proxectos se adxudicaron a 10 empresas distintas, o que pon de manifesto “unha das virtudes de Coruña Smart City, que é proxecto aberto”. Ningunha destas empresas participa nas UTE´s anteriores, polo que “xa temos 26 empresas e entidades distintas traballando no proxecto Coruña Smart City”.

O responsable municipal avanzou que nas próximas semanas, unha vez confirmado que non hai recursos, procederase á firma dos contratos con cada unha das adxudicatarias para comezar a execución, que se prevé entre catro e oito meses”. Estas 10 licitacións fixéronse como Compra Pública Innovadora, onde se valora a solución e o nivel de innovación que as empresas expoñen nas súas ofertas técnicas. Debido a este tipo de actuación na valoración das ofertas, o proxecto de Coruña Smart City atópase entre os 11 nomeados para o Premio Europeo “Public Procurement of Innovation Award”.

O proxecto de Coruña Smart City naceu co fin de deseñar un novo modelo de cidade, utilizando as novas tecnoloxías para responder desde a administración á demanda crecente de eficiencia, desenvolvemento sustentable, calidade de vida e xestión dos seus recursos. O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conseguiu un coa súa nova proposta unha cofinanciación dun 80% dos fondos FEDER, en total 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que chamamos o cerebro da cidade. A día de hoxe, a plataforma está en probas, incorporando os servizos municipais e a información interna para polos a disposición das empresas e xerar novos servizos aos cidadáns.

22 de xullo de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.