publicidade hoxe

Louzán comproba os traballos de prolongación do paseo marítimo de Arcade ata Ponte Sampaio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Louzán na visita ás obras

Louzán na visita ás obras

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, inspeccionaron hoxe as obras de prolongación do paseo marítimo de Arcade, desde o peirao ata a ponte medieval de Ponte Sampaio, que será aberto ó público o vindeiro venres.

Os traballos representaron un investimento de 126.675 €. O tramo mellorado parte da praia denominada “finca de Cagazó” e esténdese ata o peirao de pedra existente ó pé da ponte medieval en Ponte Sampaio. Desde aí parten unhas escaleiras, tamén de pedra, que soben á estrada que pasa pola ponte.

As obras consistiron na construción dunha pasarela aérea colocada sobre estacas metálicas fincadas e taboleiros, desde as proximidades da ponte medieval ata o paseo marítimo existente. A pasarela realizarase con tramos de 12 m de lonxitude e 2,45 m de ancho exterior, e representará a conexión definitiva entre a área de esparexemento existente na explanada do peirao e a ponte medieval que cruza o río Verdugo.

Punto de atracción turística e vertebración

Ambos os espazos son áreas de recreo e de visita usual dos veciños da vila e dos visitantes; considéranse dous polos de atracción turística que é necesario conectar para conseguir a potenciación turística no seu conxunto. Ademais, a nova senda contribuirá a integrar e vertebrar todo o bordo litoral así como a conectar a área residencial do peirao co núcleo urbano nas inmediacións da ponte.

Os materiais empregados son de aluminio de calidade naval anticorrosivo, e piso e varandas de madeira tratada para garantir a integración do proxecto no contorno de Ponte Sampaio dun xeito harmónico.

Louzán e Reguera informaron que, coa execución desta obra e a prevista por Costas do Estado en Pontevedra –que construirá un dique cunha lonxitude de 300 m ó longo do actual paseo marítimo, nas inmediacións da desembocadura do río Verdugo, ademais dunha pasarela peonil por debaixo das tres pontes que cruzan a canle fluvial–, quedará totalmente rematado o paseo marítimo de 800 m desde a zona portuaria de Ponte Sampaio, pasando polas praias do Peirao e Matilde.

21 de xullo de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.