publicidade hoxe

Inaugúrase a exposición ‘Filatelia, Patrimonio e Museos’ no Etnolóxico de Ribadavia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadavia
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a exposición ‘Filatelia, Patrimonio e Museos’ que se poderá visitar na localidade de Ribadavia durante todo o mes de agosto. A mostra, aloxada no Museo Etnolóxico, coincide co 50 aniversario da Sociedade Filatélica Miño de Ourense (SFM) e reúne unha grande colección de selos que constitúe un exemplo do coleccionismo desenvolvidos polos membros da Sociedade Filatélica, Numismática y Vitofílica Miño.

As series expostas están tematicamente moi ligadas ás inquedanzas deste Museo como a escolma sobre Xaquín Lorenzo ao que o titular do departamento de Cultura e Educación se referiu como un “mestre da etnografía ourensá e galega”. Ademais tamén atopamos series dedicadas aos hórreos, a economía e a cultura da comarca, as letras galegas ou a historia da roda. “Estes temas e contidos expresados en soporte postal –dixo– percorren o mundo descubrindo imaxes de persoas ou grupos, paisaxes, monumentos, oficios ou expresións plásticas”. Cómpre recordar que nesta exposición destaca o selo conmemorativo dedicado ao Museo, no que se reproduce a súa magnífica fachada, e que xa foi posto en circulación o pasado 17 de maio.

Vázquez Abad quixo agradecer á Sociedade Filatélica Miño de Ourense por facer posible, coa súa xenerosidade e coleccionismo, esta mostra, e referiuse a ela como “o testemuño de que unha boa organización multiplica a utilidade e a proxección do conxunto dos seus membros”.

Complementariamente, nas mesmas instalacións inaugurouse outra pequena mostra artística, ‘Pa’mântesti’, da autoría de Nstasha Lelenco, unha artista moldava que traballa en Galicia. A súa exposición de doce pezas atópase moi ligada ao mundo da representación e o teatro aproveitando así a recen clausurada ‘Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia’ da que foi fotógrafa. O conselleiro parafraseou as propias palabras da artista para facer referencia a súa obra: “As doce pezas pretenden ser un retrato colectivo dos estados de ánimo e de maneiras de ser nos que a persoa observadora pode atoparse, se cabe, a través da beleza das formas, do descoñecido dos territorios e da danza contida en cada peza”.

Ao acto tamén asistiron, ademais do director do Museo, da artista Nstasha Lelenco e dos presidentes da Sociedade Filatélica Miño e da Federación Galega de Filatelia, José Barros e Valentín Suárez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

30 de xullo de 2014 | 21:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.