publicidade hoxe

Cabana de Bergantiños acollerá o I Certame de Cantería Vento de Pedra

Presentación do certame. Foto: X. Crespo

Presentación do certame. Foto: X. Crespo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do I Certame Vento de Pedra, unha iniciativa promovida polo Concello de Cabana de Bergantiños que terá lugar do 18 ao 24 de agosto na localidade coruñesa.

Durante seis días, os artistas que participen terán ocasión de traballar unha peza escultórica inspirada nos valores, tradicións e antigos oficios que atesoura a Costa da Morte. Nese sentido, o certame constitúe para as persoas ás que se dirixe “unha oportunidade de convivir, compartir e competir co seu saber e a súa capacidade creativa”, afirmou Anxo Lorenzo, que tamén se referiu ao interese artístico da iniciativa e á súa posta en valor do patrimonio cultural.

Na presentación, que tivo lugar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, tamén participaron o alcalde do Concello de Bergantiños, José Muíño; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; e o director da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, Santiago Riande.

Obxectivos do certame

Os participantes e as participantes no certame deberán realizar un traballo escultórico baseado nos valores, tradicións e antigos oficios que atesoura a Costa da Morte. A temática do concurso, que se desenvolverá desde o luns 18 ata o sábado 23 de agosto, será ‘Oficios tradicionais da Costa da Morte: do mar e da terra’. O domingo 24, o xurado fará público o seu ditame e procederase á entrega dos galardóns.

Para poder levar a cabo o seu traballo, cada participante será dotado dun bloque de granito silvestre, dunhas dimensións aproximadas de 60x80x50 cm. A partir dese bloque os e as participantes disporán de seis días para realizar as súas creacións e levarán a cabo o seu traballo nun espazo da praza do Pendón de Cabana de Bergantiños.

A inscrición no certame, que se deberá realizar a través do enderezo electrónico ventodepedra@concello-cabana.es antes do vindeiro 25 de xullo, limitarase a un máximo de 25 participantes. Poderán participar nel todas aquelas persoas de Galicia ou do resto do Estado que acrediten ter coñecementos do traballo en pedra, ben por contar cunha formación regulada, ben por ter desenvolvido de xeito contrastable traballos artísticos ou profesionais vinculados coa pedra.

2 de xullo de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.